sábado 06/03/21

BNG pide o recoñecemento oficial das seleccións deportivas galegas para que poidan competir internacionalmente

O deputado nacionalista Néstor Rego afirmou que perto de 50 nacións sen estado teñen unha ou máis seleccións que compiten a nivel europeo ou mundial.

Selección galega de fútbol irmandiña Foto Federación Galega de Fútbol
Selección galega de fútbol (Foto: Federación Galega de Fútbol)

O BNG rexistrou unha iniciativa no Congreso instando ao recoñecemento oficial das selección galegas para que esas poidan participar en competicións de carácter internacional. 

“O tecido deportivo galego conta hoxe cun alto nivel que compite e logra premios tanto a nivel estatal como no marco internacional na maior parte de disciplinas. Ademais, en casos como o fútbol gaélico, conta coa súa propia selección xogando en campionatos  europeos e mundiais en que consegue importantes galardóns”, indícase nesta proposta

Neste sentido, a formación nacionalista apuntou que contando con "coas deportistas profesionais e coas instalacións necesarias" e existindo a vontade de ser representados e representadas como pobo "non entendemos como é posíbel que o Goberno estatal continúe pondo trabas para que as seleccións galegas poidan competir de maneira oficial nos campionatos de carácter internacional".

O deputado nacionalista Néstor Rego sinalou que "outras nacións sen estado están a facelo: Escocia, Gales ou mesmo territorios como Xibraltar" chegando a ser corenta e nove nacións sen Estado as que teñen unha ou máis seleccións que compiten a nivel europeo ou mundial.

"Nin a lexislación española nin a europea prohiben a oficialidade internacional das seleccións deportivas de nacións sen Estado" incidiu. Por este motivo, o Rego rexistrou iniciativas para que o Estado recoñeza de maneira oficial as seleccións galegas e poidan participar nas competicións internacionais en todas as disciplinas deportivas, e para que achegue "os medios e soportes xurídicos precisos para poderen tamén solicitar o recoñecemento internacional de forma oficial".

Rego  lembrou tamén que tanto a Constitución española como o Estatuto de Autonomía recollen que as competencias en materia de deporte as posúe exclusivamente a Galiza.

As actuais federacións deportivas, explica o congresista, teñen un carácter xurídico-privado mais desde a organización nacionalista entenden que "a integración dunha federación nacional na mesma sería perfectamente posíbel" se as regras de admisión desa federación internacional permiten a integración de federacións de nacións sen Estado e cumprindo sempre o resto de requisitos que se exixiren.

comentarios