Rueda terá de contestar no Pleno unha pergunta sobre o asasinato de Jimmy

Após teren sido postos en liberdade os catro presuntos autores da morte, o BNG leva o asasinato do seareiro deportivista ao Parlamento.

jimmy-crop
photo_camera Faixa en memoria de Jimmy

O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, levará a pleno o asasinato do siareiro do Deportivo, Francisco Javier Romero Taboada, Jimmy. A parlamentar insta o goberno galego --através do responsábel de Xustiza e vice-presidente, Alfoso Rueda-- a que exprese a súa opinión sobre as investigacións en curso e se destas cumpre agardar que se depurarán responsabilidades. 

A cuestión está axendada para esta tarde (por volta das 20 horas), mais en función de como se vaia desenvolvendo o pleno podería acabar substanciándose na cuarta feira (apartir das 13.30 horas). Na interpelación, o grupo parlamentar nacionalista lembra os acontecementos ocorridos o 30 de novembro nas horas previas ao encontro entre o Deportivo e o Atlético de Madrid cando "un grupo de siareiros deportivistas, dos Riazos Blues, e doutras peñas branquiazuis sufrían un brutal ataque planificado por parte de membros do grupo neonazi Frente Atlético". 

Jorquera fala de "nefasta xestión previa a este partido", non categorizado de "alto risco", embora ser coñecida "a extrema violencia do Frente Atlético coas afeccións rivais"

Neste senso, asegura que "a ninguén se lle escapa" o que tildan como unha "nefasta xestión previa a este partido" que non foi categorizado de alto risco "malia ser coñecida a extrema violencia do Frente Atlético coas afeccións rivais". Jorquera recorda o asasinato "a sangue frío" en 1998 do siareiro da Real Sociedad Aitor Zabaleta "cuxa morte aínda se festexaba até 2014 na bancada ultra do Atlético de Madrid. 

Así mesmo, a pregunta dá conta das sancións que están a recibir "as persoas agredidas en Madrid" e que "desde o mes de xullo" lles notifican multas "por importe de 60.001 euros a cada unha delas". Unha "desproporción absoluta", segundo o BNG, "para alguén que acude a presenciar un partido de fútbol e remata sendo emboscado". 
 

Comentarios