domingo 18/04/21

O BNG pide no Parlamento galego máis apoio para o sector do deporte

O deputado Daniel Castro tamén exixe a "reprobación" de Rafael Louzán
O deputado Daniel Castro (Foto: BNG).
O deputado Daniel Castro (Foto: BNG).

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) advertiu no Parlamento galego á Xunta da Galiza de que "no actual contexto de pandemia, igualar co ano pasado o importe dos convenios asinados coas federacións deportivas non chega, senón que é preciso realizar un gasto extraordinario ante a enorme dificultade que pasou e segue a pasar o deporte federado do país a consecuencia dos efectos derivados da Covid-19".

Así o reclamou o portavoz nacionalista de Deportes, Daniel Castro, logo da comparecencia na Cámara do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa. 

A este último lle reprochou "actitudes de triunfalismo" cando os fondos do Executivo galego destinados ao ámbito deportivo federado "simplemente igualan os do exercicio anterior, e seguen a ser inferiores aos doutros gobernos".

Así o considerou "pese a unha parada obrigada da práctica deportiva que implicou grandísimas perdas económicas, desaparicións de clubs e feches de ximnasios e outras instalacións deportivas".

"Os problemas de moitas entidades e empresas relacionadas co deporte seguen a día de hoxe, polo que precisan máis e mellores axudas directas", engadiu un Castro que tamén demandou da Secretaría Xeral para o Deporte a "reprobación" e a "condena" do presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, recentemente declarado culpábel de cometer prevaricación e fraude. 

As "medidas necesarias" da Xunta da Galiza

En contraposición ao discurso de Castro, Lete Lasa defendeu en sede parlamentaria as medidas adoptadas pola Xunta, "que foron as necesarias para xestionar mellor a pandemia". 

Neste sentido salientou que a situación na Galiza "é mellor que noutros territorios, onde os ximnasios están fechados e non hai público ningún nos eventos".

comentarios