BNG pide que no Galiza-Venezuela non se veten as estreleiras e se respeite a integridade do hino nacional

Unha estreleira inmensa nas gradas de Riazor.
photo_camera Unha estreleira nas bancadas de Riazor.

O Bloque emitiu esta quinta feira un comunicado en relación ao Galiza-Venezuela desta sexta feira. A organización frontista pide basicamente dúas cousas. Unha primeira, que non se vete a presenza de estreleiras no campo e que se cumpra a lei de símbolos e, consecuentemente, se respeite a integridade do hino nacional galego no cerimonial previo ao comezo do encontro coa que a irmandiña volta ao céspede.

Nun comunicado da súa executiva nacional, o BNG valora que a selección conta desta volta “co aliciente de estar dirixido polos ex xogadores Míchel Salgado e Fran González Pérez”, nun encontro, estima, “moi esperado por miles de afeccionados e afeccionadas e que tamén foi longamente reivindicado por algúns dos futbolistas máis destacados do momento actual”.

Daí que o BNG reclama un “total respeito” á “liberdade de expresión” para todas aquelas persoas “que acudan ao campo de Riazor portando bandeiras galegas coa estrela ou calquera outro tipo de simboloxía nacionalista”. Enfatiza o BNG que formula esta petición “en base ao precedente do ocorrido noutros acontecementos deportivos, nos que os corpos de seguridade do Estado identificaron as persoas que portaban bandeiras nacionalistas galegas”.

Hai un precente recente a este respeito, indica o BNG, “a identificación de seis militantes por parte da policía española polo mero feito de portar simboloxía nacionalista -basicamente bandeiras- ao paso da Volta ciclista pola cidade da Coruña”.

Comentarios