BM O Porriño e Atlético Guardés inician a liga como locais

As porriñesas reciben o Xixón, mentres o Guardés, que terá que xogar en Tui polas obras na Sangriña, enfróntase ao Granollers.
BM O Porriño e Atlético Guardés debutan este sábado con baixas mais con grandes esperanzas postas na presente tempada.
photo_camera BM O Porriño e Atlético Guardés debutan este sábado con baixas mais con grandes esperanzas postas na presente tempada.

A División de Honra de balonmán dá este sábado o disparo de saída coa mesma representación galega dos últimos anos, o Conservas Orbe Rubensa BM O Porriño e o Mecalia Atlético Guardés, que veñen de protagonizar unha nova final da Supercopa da Galiza saldada con vitoria das porriñesas.

Rival potente no Porriño

O BM O Porriño debuta ás 18 horas na casa fronte ao Motive.Co Xixón, que rematou a pasada campaña no cuarto posto mentres as galegas acabaron décimas. Estes dous equipos xa se viron as caras na pretempada até en dúas ocasións, cunha vitoria para cada un.

Con todo, a incerteza paira sobre un BM O Porriño afectado por numerosas baixas: "A día de hoxe non sabemos quen chega e quen non", advertiu o adestrador, Ismael Martínez, que botará man do filial: "Están a facelo moi ben na DH prata", dixo.

Sobre o rival, Martínez viuno como "un moi bo equipo chamado a facer grandes cousas na liga". "As chaves do partido pasan por reducir o número de goles recibidos en contraataque e controlar as súas pivotes e a conexión co centro", engadiu.

O Guardés xoga en Tui

Pouco tempo despois (19 horas) o Guardés recibe o KH7 BM Granollers, mais debido ás obras de reforma na Sangriña non xoga na casa, senón no pavillón de Tui, onde se espera a chegada de dous autobuses cheos de afeccionados e afeccionadas.

Para o encontro estarán dispoñíbeis todas as xogadoras que estaban mancadas, coas únicas excepcións de Celia López e Carolina Silva, aínda recuperándose de cadansúa lesión.

"Hai moito traballo e moitas horas detrás. As sensacións son boas, é un grupo tímido e cohesionado", dixo o técnico, Abel González, quen advertiu que o partido será "complicado" ante un equipo "que xoga ben" e que o pasado ano rematou sétimo —as guardesas foron quintas—.

Comentarios