Blanca Millán, primeira galega candidata aos "Senior Class Award" nos EUA

Este galardón busca recoñecer á mellor xogadora de universitaria no seu último ano. A votación está aberta por internet até o día 22 de marzo.
Blanca Millán (Cedida)
photo_camera Blanca Millán (Foto: Cedida)

A baloncestista galega Blanca Millán quedou entre as dez finalistas aos "Senior Class Award", un premio que nos Estados Unidos de América (EUA) recoñece as mellores xogadoras de último ano nas universidades. "Xa foi toda unha sorpresa para min estar nesta listaxe e, por suposto, unha honra porque non só é un recoñecemento como deportista senón tamén como estudante e como referente en acción social da miña contorna", recoñece en conversa desde Maine a Nós Diario

Unha lesión que a mantivo fóra da cancha, e a propia pandemia da Covid-19, non foron quen de baixar o seu nivel e agora podería chegar a ser a primeira galega en conseguir este galardón. Millán chegaba á Universidade de Maine en 2016 procedente de Compostela e aproveitou estes anos para graduarse en Kinesioloxía e Educación Física. 

A deportista de Ames amósase satisfeita de quedar finalista deste galardón "rodeada das mellores xogadoras seniors do país tanto que moitas delas soan con forza nos primeiros postos no ránking do draft para a asociación nacional de baloncesto feminino (WNBA)".

Por este motivo cre que é "moi difícil que consiga o premio final" mais aínda así afirma que "xa me sinto moi recoñecida por estar entre esas 10 finalistas e por todo o apoio que me está a chegar desde a Galiza". 

Votación profesional e popular

Na votación contan por igual, un terzo cada un, os votos de xornalistas especializados, adestradores e a que xa está aberta por internet. A través desta última a xogadora xa recibiu moitos apoios desde Galiza.

"Sei que me están votando e aproveito para agradecelo desde aquí", sinala Millán. O período de votación estará aberto até o día 22 de marzo e ao feche desta edición a xogadora estaba situada en terceiro lugar, despois de Rennia Davis (Universidade de Tennessee) e Arella Guirantes (Universidde de Rutgers).

Para chegar a ser finalista tívose en conta varios méritos, ademais dos deportivos, como a participación en actividades de apoio a estudantes de primeiro ano. O galardón entregarase na final da asociación Nacional Deportiva Universitaria (NCAA) que terá lugar en San Antonio, e o seu equipo, os Black Bears de Maine, é un dos candidatos a estar presente por figurar xa clasificado para a semifinal dos play offs, que se disputarán os días 6 e 7 de marzo.

Comentarios