Os birlos celtas lanzan na Galiza un SOS

Os deportes tradicionais galegos loitan por sobrevivir. Entre eles, o dos birlos mantén certa presenza social pola vontade, anónima na maior parte dos casos, de clubs e practicantes. Desde a Federación Galega de Bolos Celtas apostan na súa introdución no ámbito escolar en achegalo ás cidades como método de supervivencia.
IV Serán de Manzaneda (Hermanager)
photo_camera IV Serán de Manzaneda (Hermanager)

A emigración, a chegada doutros deportes que pasaron a ser de grandes maiorías e certa estigmatización dos birlos celtas na zona rural marcaron de maneira profunda a súa práctica, malia chegar a ser dos máis populares antano.

Prohibido, perseguido e penalizado en moitas ocasións pola súa relación co mundo das apostas, por ser motivo das liortas que se puidesen derivar do xogo ou simplemente por ser centro de reunión social do pobo, desde a Federación Galega de Bolos Celtas procuran darlle continuidade e promoción.

O seu presidente, Isidro Costas, explica a Nós Diario que a situación actual deste deporte "é mellor que hai algúns anos" mais non existe estabilidade cando "hai certas modalidades que están desaparecendo". Entre as zonas con variante propia que contan cunha mellor saúde está a do Val Miñor, que hai uns anos reunía 70% de persoas federadas. Seguiríalle a de bolo a cova en Soutomaior, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes e Redondela, cun rexurdimento importante nos últimos anos. Tamén continúa activa a modalidade do Barbanza, en Boiro e Dodro, "agardando que se estenda até Ribeira", confía neste sentido Costas. 

No interior galego segue con forza en Viana do Bolo, aínda que "comeza a sentir o problema da emigración". Máis cara ao norte tivo un especial aumento en Xove "pola propia implicación do Concello", asegura o responsábel da federación.

O problema da emigración diminuíu a súa práctica 

Das dezaoito modalidades que existían e das que se teñen constancia, segundo sinala a federación, cinco xa desapareceron. "Por exemplo a do Rosal, que se xogaba no seu momento con trece bolos", relata Costas, "doutras nin temos información abondo de como se xogaba e agora só contamos cos restos das pedras que apareceron ou das furas dos campos en que tiñan lugar", engade.

A falta de transmisión entre xeracións, froito da forte emigración galega cara a outros países ou cara a zonas máis urbanas, coutou a súa práctica. Entre as modalidades en perigo de desaparición desde a federación sinalan as do bolo ao canteiro, o bolo en liña, a de cinco e sete na zona da Serra da Groba e a de Quiroga. O propio organismo realizou un informe no que se marcan as zonas nas que foi desaparecendo, a maior parte na alta montaña, como é o caso dos municipios de Manzaneda e A Veiga, ou outras do interior como os concellos da Terra de Lemos e da Terra Chá. 

Outra das eivas para o coñecemento e conservación desta práctica deportiva galega foi a falta de sensibilidade por manter os lugares onde se practicaba. En moitas zonas non se respectaron os campos de xogo históricos e estes remataron desaparecendo baixo torreiros de festas e mesmo de igrexas que se construíron sen ter en conta o lugar en que se facían. 

Para poder contar coa bola e os birlos, a propia Federación estabeleceu convenios especiais cos clubs para que adquirisen tornos especiais para fabricalos e dotar tamén os colexios que os solicitan.

A solución está na súa promoción nas escolas

Coa intención de frear a desaparición do xogo, a federación apostou pola súa introdución nas escolas. Comezaron no Val Miñor, coa intención de achegalo até Tui e Vigo, e a finais do ano pasado realizouse en Pazos de Borbén un torneo para rapazas e rapaces. "Por sorte contamos con monitoras e monitores que darán aulas nos colexios", indica Costas. 

A estratexia federativa agora mesmo é levalo ás zonas urbanas máis alá da súa práctica en vilas pequenas nas que é máis difícil a continuidade pola falta de persoas que o poidan practicar. 

"O difícil é conseguir lugares visíbeis para xogar, temos realizado promoción en concellos onde o lugar que nos cederon estaba nas aforas e ninguén miraba como xogabamos", conta o presidente da federación. Para a súa promoción, a entidade deportiva tamén demanda unha maior presenza deste xogo na televisión e outros medios de comunicación.

Malia ser a partir de febreiro cando comezan a maior parte das competicións, por cuestións climatolóxicas, o pasado mes de decembro houbo un torneo de inverno con tres modalidades nas localidades de Soutomaior, Nigrán e Xove. 

Comentarios