Seis 'bikers' entran na convocatoria galega para o Campionato estatal de Cross Country

Participación galega no Campionato estatal de Cross Country (XCO). A deportista Lara Lois García (Moto Bike PC) é unha das que optará a medalla na categoría elite.
Lara Lois no circuíto XCO do Porriño (Foto: Luz Iglesias).
photo_camera Lara Lois no circuíto XCO do Porriño (Foto: Luz Iglesias).

Seis deportistas formarán parte esta fin de semana da representación galega que acudirá ao Campionato de España de Cross Country Olímpico (XCO), unha selección que procurará ter unha boa participación nesta modalidade de BTT. Nesta ocasión a cita será no circuíto da Candeleda en Gredos (Ávila) e terá lugar os días 22, 23 e 24 de xullo.  

A listaxe de nomes que deu a coñecer o seleccionador nacional galego, Alberto del Río, está formada na elite feminina por Lara Lois García (Moto Bike PC), na elite masculina por Manuel Ángel Parada Folgar (CDM Xesteiras), na Sub-23 masculino estará Anxo Carril Rojas (Coruxo CC XCO Team), na Júnior feminina Uxía Soto Álvarez (GD Supermercados Froiz) e na Júnior masculino dous representantes: Danny Jan Buba Sopko (Coruxo CC XCO Team) e Martín Sestelo Solla (Avanza - O Porriño, AD).

Alberto del Río, en declaracións a Nós Diario, confía en que a proposta galega para este campionato volte con medallas.

"Temos unha moi boa opción con Lara Lois García en elite", apunta o seleccionador galego.

Un exemplo do seu bo estado de forma é a actuación que tivo o mes pasado no Campionato da Galiza de XCM en Cuntis. Nesa proba a a grovense do Moto Bike,  malia ter estado ausente o ano pasado no campionato nacional desta especialidade, recuperou o cetro que obtivera por última vez en 2019. En Cuntis venceu cun tempo de 4:04:48, distanciándose

en 25' da segunda clasificada e triunfadora entre as máster-40 Ana María González Cuña (Mitto X).

"Na categoría júnior haberá moito nivel e aínda nos falta traballar máis, estamos lonxe", explica o responsábel técnico da Federación, "en todo caso temos opcións con Uxía Soto que conseguiu podio na Copa Galiza XCO 2022". 

Candeleda, un circuíto seco e moi técnico 

Á representación galega en Ávila agárdalle un circuíto nada doado. “É moi técnico, típico desa zona e moi diferente aos que temos na Galiza”, asegura o seleccionador galego.

É un percorrido circular que se inicia xunto á piscina natural da vila de Candeleda nunha zona habilitada para  acoller a práctica de mountain bike na súa disciplina de Cross Country Olímpico. "É de terra máis seca que a nosa", engade o técnico da selección. 

As probas comezarán o 22 de xullo a partir das 9 horas e, ademais das probas con participación galega, haberá competición nas categorías Master 60, Master 50, Master 40 Fem e Master 30.

Comentarios