Berizzo anuncia a súa saída como adestrador do Celta

As negociacións para renovar o contrato do técnico chegaron a un punto morto. O arxentino abandona o club vigués após tres grandes campañas, onde acadou dúas semifinais de Copa e unha de Europa League. “Fixen forza por quedarme, comporteime de forma tan profesional que non teño plan B”, afirmou en rolda de prensa.

Foto: Celta de Vigo
photo_camera Foto: Celta de Vigo

Eduardo Berizzo deixa o Celta. O adestrador arxentino anunciou este sábado a súa saída definitiva tras non acadar un acordo para a renovación do seu contrato. As diferenzas coa directiva do club vigués, a nivel económico e arredor do proxecto deportivo, foron os principais obstáculos para a continuidade do técnico, que conseguiu completar tres grandes campañas, onde acadou dúas semifinais de Copa e unha de Europa League. "Non acadei un acordo co club para a renovación, así que mañá será o meu último encontro ao fronte do equipo", confirmou Berizzo en rolda de prensa.

O adestrador sinalou que até o último momento creu na renovación e nas posibilidades de crecemento do equipo. “Fixen forza por quedarme, comporteime de forma tan profesional que non teño plan B”, afirmou. Porén, todo apunta a que o destino do arxentino será substituír a Jorge Sampaoli no Sevilla.  

“Fixen forza por quedarme, comporteime de forma tan profesional que non teño plan B”

“Teño unha valoración de min mesmo diferente á que teñen os demais de min”, asegurou na rolda, onde recoñceu que a decisión estaba tomada hai días e que o mércores foi o último contacto co club. 

“Deixou unha notable pegada como xogador e deixa agora outra, máis profunda, como adestrador, un dos mellores, sen dúbida, da historia do Celta”, apunta o club en nota de prensa, onde confirma a saída do técnico. 

Entre os nomes que se barallan para suplir a marcha de Berizzo está o do seu compatriota Mauricio Pellegrino, actualmente no banco do Alavés, ou o de Juan Carlos Unzué, segundo adestrador do Barcelona.

Comentarios