O Bergantiños, eliminado da Copa coa cabeza alta

Arenteiro, Lugo e Deportivo fechan esta quinta feira a participación galega na segunda fase do torneo do KO.
Escobar, na imaxe, foi unha ameaza constante para a defensa do conxunto madrileño. (Foto: Raio Vallecano).
photo_camera Escobar, na imaxe, foi unha ameaza constante para a defensa do conxunto madrileño. (Foto: Raio Vallecano).

O resultado (1-3) non reflicte a realidade do magnífico partido dun Bergantiños que puxo contra ás cordas a un Raio Vallecano que é unha das grandes revelacións da Primeira. A pesar de que os visitantes se adiantaron no minuto 36, os locais nunca baixaron os brazos e tiveron varias opcións para empatar, pero os madrileños marcarían o segundo no 66. Lonxe de renderse, Cano acurtou distancias 10 minutos despois, pero co equipo envorcado no ataque Moreno sentenciou no 90. 

Cita sen presión para o Club Deportivo Arenteiro

A presenza do modesto conxunto do Carballiño na segunda rolda copeira xa supón un premio por si mesmo. Por iso mesmo chega sen presión algunha a un partido que se disputa hoxe ás 19 horas e no que recibe un dos equipos máis potentes do Estado español, Valencia, que loce nas súas vitrinas oito títulos do torneo do KO.

Con todo, é como dicía o defunto Vujadin Boškov, "fútbol é fútbol", e non cabe descartar que un equipo que ascendeu na presente tempada á cuarta categoría dea a sorpresa ante o sétimo clasificado da Primeira División. A chave, ademais do propio Estadio de Espiñedo, que será unha caldeira con 1.700 almas pulando a prol do equipo verde, estará no estado de inspiración no que se atope a gran estrela do Arenteiro, o brasileiro Renan Zanelli, que debe liderar os seus compañeiros desde o medio do campo.

Imposíbel facer un prognóstico no Lugo-Mirandés

E se o factor Espiñedo podería ser determinante para o Arenteiro, non menos debe selo o Ángel Carro para o Club Deportivo Lugo, especialmente tendo en conta a igualdade entre ambos os rivais nun choque copeiro que se disputará a partir das 20 horas da tarde.

Empatados a 23 puntos na clasificación da Segunda División, no seu único enfrontamento nesta tempada, desenvolvido en Miranda de Ebro o pasado 3 de novembro, os casteláns impuxéronse por 3-2. Polo contrario, no choque da tempada pasada no coliseo albivermello gañou o Lugo por 2-1. 

Para Hugo Rama, un dos homes máis importantes para o técnico lucense, Rubén Albés, o Club Deportivo Mirandés será un rival "perigoso", mais manifestouse "ilusionado" ante a posibilidade de gañar e disputar a próxima eliminatoria "contra un equipo de Primeira División". "Iso é o que queremos todos", concluíu.

Albés, pola súa banda, avanzou na rolda de prensa previa á disputa do partido que cambiará a súa estratexia en relación coa primeira eliminatoria, na que deixaron fóra o Unión Adarve por penaltis tras non ser quen de ofrecer a súa mellor versión. Por iso, o preparador, tras destacar o "perigo" do Mirandés, afirmou que sairán "valentes, a pola eliminatoria", todo para seguir "coa dinámica positiva" do bloque.

A sombra da Covid-19 sobrevoa o Dépor-Osasuna

Na Coruña non só ocupa e preocupa o difícil compromiso que o Deportivo disputará en Riazor a partir das 21 horas desta quinta feira ante todo un Primeira División como é o Club Atlético Osasuna -e que fechará a participación galega nesta segunda fase da Copa-, senón tamén o positivo detectado entre un dos integrantes do cadro de xogadores branquiazuis.

Porén, e a pesar de que iso obrigou a suspender os adestramentos, a disputa do encontro ante os navarros non parece correr perigo, pois este só se adiará se o gromo medrase até deixar dispoñíbeis menos de 13 futbolistas -sete deles do primeiro equipo-, tal e como dita a normativa da Federación Española de Fútbol. Xa que logo, a principal consecuencia desta desafortunada circunstancia a poucas xornadas do penúltimo partido do ano para os branquiazuis foron os obstáculos para a súa óptima preparación.

Comentarios