Bergantiños 2-0 Tebas

Despois da Fiscalía, agora o Xulgado rexeita o recurso da Liga contra o arquivo da causa contra Bergantiños 
O presidente da Liga, Javier Tebas (Foto: Nós Diario).
photo_camera A maxistrada di que a acusación de Tebas é "de novela de ficción". (Foto: EP).

O Xulgado de Instrución número 3 da Coruña rexeitou o recurso de reforma presentado pola Liga de Fútbol Profesional (LFP) contra o auto do pasado mes de agosto no que decretou o sobresemento provisional e arquivo do procedemento aberto contra o capitán do Deportivo, Álex Bergantiños, pola presunta comisión dun delito de corrupción entre particulares. 

O futbolista foi denunciado pola LFP tras facerse público un audio que enviou a un grupo privado de What'sApp no que, segundo se fixo constar na denuncia, "manifestaba a posíbel predeterminación" do partido que o Deportivo ía disputar contra o Fuenlabrada.  

"Como ben se fundamentou no auto, a mensaxe obxecto de denuncia non se entende que revista caracteres de delito ningún e, tal e como fai constar o Ministerio Público, interpretar que puidese existir un amaño do partido entre xogadores resulta máis ben o argumento dunha película ou novela de ficción, de aí a resolución que agora se recorre", indica a maxistrada nun auto no que lembra que o xuíz instrutor "non está obrigado a practicar dilixencias de investigación se non entende que os feitos denunciados revisten caracteres de delito".

Actuación "preocupante" e inexplicábel da Policía

A maxistrada asegura na resolución que é "importante" facer referencia ao auto ditado pola Audiencia Provincial da Coruña o pasado 1 de marzo, no cal advirte que a actuación do Centro Nacional Policial pola Integridade no Deporte e as Apostas (Cenpida) neste caso "resulta preocupante, non explicándose a actuación de tales funcionarios". 

A instrutora sinala que a LFP, no seu recurso de reforma, fai referencia "a outros posíbeis ilícitos e outros responsábeis que non foron obxecto do presente procedemento nin da súa denuncia".

No recurso, segundo destaca a xuíza, alega que non quería dicir que "forzosamente" se debese recibir declaración como investigado ao capitán do Deportivo, "senón que este ben puidese ser como testemuña". 

"As dilixencias a que se refire a parte versarían sobre feitos que non son obxecto de denuncia", recalca a maxistrada no auto no que rexeita o recurso da Liga.

Comentarios