Bergantiños 1-0 Tebas

A Fiscalía non ve delito no caso das mensaxes de texto de Bergantiños, acusado de intento de amaño de partidos pola Liga de Fútbol Profesional por unha mensaxe na que cualificaba o partido co Fuenlabrada de "paripé".
A Liga acusou o capitán do Dépor de amaño por falar dun "paripé". (Foto: La Liga).
photo_camera A Liga acusou o capitán do Dépor de amaño por falar dun "paripé". (Foto: La Liga).

Unha das escenas que levantaran máis indignación o pasado verán entre un deportivismo en pé de guerra coa Liga logo do escándalo do "Caso Fuenlabrada" foi a detención do seu capitán, Álex Bergantiños, por enviar unha mensaxe a través da aplicación de mensaxaría What'sApp aos seus compañeiros de equipo no que se refería como "paripé" ao partido co conxunto madrileño, xogado semanas despois de cando tería que terse disputado e co conxunto branquiazul xa descendido matematicamente á Segunda División B.

Agora, a Fiscalía, representada por Luís Anguita, eleva un escrito ao Xulgado de Instrución número 3 da Coruña no que sinala que non ve indicio de delito na actuación do mediocampista herculino, coincidindo así coa interpretación da xuíza encargada do caso. 

Porén, o mesmo fiscal trasladara en setembro á maxistrada un informe a favor de que se admitise á Liga de Fútbol Profesional (LFP) de Javier Tebas na causa contra Bergantiños, algo que acabou producíndose e que permitiu á patronal recorrer o arquivo dun caso que fora sobresido provisionalmente por non percibirse indicios de delito nas manifestacións do xogador.

A entidade presidida por Tebas consideraba que as palabras de Álex Bergantiños aos seus compañeiros de equipo podían entenderse como un intento de  amañar o resultado, algo que descarta o fiscal por considerar que se trata tan só "dunha mensaxe de grupo de  What'sApp onde non hai nin sequera o máis mínimo intento de  amaño do resultado", senón unha mostra "do enfado, por non dicir outra palabra máis forte", pola situación deportiva en que se atopaba o deportivista.

O ministerio Fiscal engade que "non se pode investigar a unha persoa sen unha mínima base  indiciaria", e apostila que "o propio apelante", é dicir, a LFP, o recoñece indirectamente ao non ser quen de imputarlle ningún delito concreto a Álex Bergantiños.

Quen si afrontan acusacións concretas son os policías que arrestaron o capitán do Real Club Deportivo o pasado mes de agosto de 2020, logo de que en marzo deste ano a Audiencia Provincial da Coruña determinase investigar se os policías que o arrestaron incorreron nun delito de detención ilegal, pois "nada avalaba que existise ningún risco de fuga".

Comentarios