FÚTBOL GAÉLICO

“Ben feito”: Irlanda parabeniza as seleccións galegas polo pase á fase final do Mundial

A través dunha mensaxe en redes sociais, a embaixada irlandesa no Estado español parabeniza as equipas galegas que compiten no Mundial de Fútbol Gaélico.

Selección galega de fútbol gaélico. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Foto: @selegalega

Para os irlandeses e irlandesas é un orgullo que un deporte seu, o fútbol gaélico, se espalle polo mundo e medre no estranxeiro. Moitas veces da man de emigrantes irlandeses mais outras, como Galiza, impulsado polos propios nativos e nativas. A historia xa é coñecida: un galego foi en Dublín a ver un partido de fútbol gaélico e ficou engaiolado. Volveu a Galiza e montou unha equipa, Fillos de Breogán, que foi o xérmolo a partir do cal este deporte se estendeu en poucos anos por toda Galiza, que ten liga de seu e selección nacional. Alexandre Sanmartín, Jano, adestrador da selección masculina, ten incidido en que para as e os irlandeses Galiza é, canda Bretaña, posta como exemplo da expansión deste deporte.

A embaixada irlandesa vén de parabenizar a selección galega masculina e feminina por clasificarse para a fase final do Mundial que decorre en Irlanda. “Maith thú” (Ben feito) escribiu nas redes sociais, acompañando o tweet da conta da selección galega que daba conta dese pase.

Non é o primeiro xesto de aprecio desde a illa para o noso país por mor do fútbol gaélico. En 2017, o primeiro ministro irlandés agasallou Mariano Raxoi, daquela presidente español, unha camisola da selección galega de fútbol gaélico.

En 2016, a GAA (Asociación atlética gaélica), asociación deportiva máis grande de Eire, adica unha reportaxe a Galiza e o auxe do fútbol gaélico. 'Galiza, orgullosa de estar no mundial de fútbol gaélico' ('Galicia proud to be at Etihad Airways GAA World Games') era o título da reportaxe. A GAA é a asociación deportiva máis grande de Irlanda, con máis de 800.000 persoas asociadas, e o seu obxectivo é fomentar e organizar competicións de deportes como o fútbol gaélico


 

Comentarios