Bélxica triunfa nas Finais do Pan-Euro de fútbol gaélico na Coruña

Case 450 deportistas e 33 equipos xogaron as Finais do Pan-Euro de fútbol gaélico na Coruña. Madrid, na masculina, e Bélxica, na feminina, gañaron na categoría sénior. Os equipos galegos mellor clasificados foron os Irmandinhos da Estrada (campións de intermediate B) e os segundos postos de Fillos de Breogán (masculina intermediate) e Auriense (masculina júnior).  
Irmandinhos da Estrada quedaron campións na categoría masculina intermediate B (Foto: Irmandinhos da Estrada).
photo_camera Irmandinhos da Estrada quedaron campións na categoría masculina intermediate B (Foto: Irmandinhos da Estrada).

A Coruña rematou con éxito organizativo as Finais do Pan-Euro de fútbol gaélico, un torneo no que participaron case 450 deportistas e 33 equipos. O mal tempo non foi quen de evitar a realización da competición que a nivel sénior gañaron Madrid en categoría masculina e Bélxica na feminina.

Os partidos tiveron lugar en tres lugares diferentes: os campos da Cidade Deportiva Arsenio Iglesias, en San Pedro de Visma e as finais que se desenvolveron no campo universitario de Elviña

Cansa mais satisfeita, a presidenta e xogadora do equipo anfitrión, Fillos de Breogán, Paula López Otero, salienta en conversa con Nós Diario a volta desta competición europea desde 2019, como consecuencia da situación sanitaria da pandemia, no evento máis importante na cidade deste deporte .

“Houbo moita participación, algo que demostra que este deporte está moi vivo”, afirma, "a xente ten moitas ganas de competir e de que o balón estea nos terreos de xogo", engade. 

Discretos resultados para os equipos galegos

A nivel deportivo a mellor participación galega estivo no segundo posto de Fillos de Breogán na categoría masculina intermediate, que perderon diante de Nantes, e a vitoria dos Irmandinhos da Estrada na masculina intermediate B na final contra Brest.

Na masculina júnior resultaron segundos os de Auriense que non puideron co equipo de Jersey.

Na categoría feminina, en sénior a vitoria foi para Bélxica que derrotou ao equipo polaco do Varsovia que rematou en segundo lugar. Tamén o equipo de Bélxica B conseguiu gañar a París e proclamouse campión feminino intermediate.

Por último, na categoría shield intermediate gañou Nantes e quedou en segundo lugar Jersey.

Comentarios