Belén Toimil, ouro no campionato estatal, camiña con paso decidido cara a Polonia

Tres medallas e tres finalistas para Galiza nos campionatos de Gallur, adianto do que pod eser o campionato de Europa de Atletismo.
A mugardesa Belén Toimil no podio da proba de lanzamento de peso do campionato estatal (RFEA)
photo_camera A mugardesa Belén Toimil no podio da proba de lanzamento de peso do campionato estatal (Foto: RFEA)

A presenza galega nos recentes campionatos estatais de atletismo en pista cuberta, que tiveron lugar nas pistas madrileñas do Gallur, resentíronse pola actual situación de pandemia. A baixa participación e unha excesiva extensión das probas polas medidas sanitarias, ademais da friaxe dunhas instalacións sen público, desluciron esta edición.

Aínda así, a Galiza volveu con tres medallas e tres postos de finalistas, onde destacou a confirmación da atleta de Mugardos Belén Toimil como nova campioa estatal, após dous lustros de dominio absoluto de Úrsula Ruiz, e a continuidade ascendente de Ana Peleteiro, intratábel no triplo xa no seu primeiro intento, estabelecendo a súa MMT con 14.21 metros, coa que revalidou ouro e campionato estatal. Nesta proba, na categoría masculina, Jean Marie Okutu novamente volveu a ser medallista da proba de lonxitude con 7.68 metros, mais quedando no bronce co que non ratificou o primeiro posto do ano anterior.

Chegaron a ser finalistas neste campionato a venezolana con ficha galega Nediam Nori, que quedou en sexta posición na proba de Pentatlon cun total de 3.889 puntos, mais Uxía Pérez Bugarín, quen entraba a última hora para tomar parte nos 3.000 metros e rematar con 10.02.00 no oitavo lugar na segunda semifinal.

Por último, como finalista, quedou Adri Ben quen loitaba tanto polo título dos 800 metros como por un dos postos que daban acceso ao europeo de pista cuberta. É de salientar tamén a excelente proba do subcampión estatal Sub23 Álex Barreiro, como sexto na distancia dos 60 valos.

Toimil na mellor forma 

Este ben pode ser o ano de Belén Toimil. A lanzadora galega sentiuse moi cómoda nesta competición e ten a ollada posta no vindeiro campionato de Europa en Pista Cuberta, que acollerá a cidade polaca de Torun entre o día 4 e 5 de marzo. 

"Quería facer un pouquiño máis, chegar aos 18, pero é o meu primeiro ouro nacional en pista cuberta así que estou moi contenta", aseguraba ao remate da proba xa coa medalla de ouro no peto. "Seguirei traballando e adestrando, síntome moi cómoda e creo que podo facer moi boas marcas", engadía en relación á nova marca que puxo a Federación Estatal de Atletismo para participar no europeo.

"A mínima é a máis exixente de sempre, 18,50 metros, é o obxectivo para esta tempada", sinala, unha meta accesíbel no seu estado de forma. Parte importante do que está conseguindo ten como protagonista o seu adestrador, Carlos Burón, co que admite ter "sesións moi intensas de técnica". É consciente das dificultades de chegar a Polonia mais asegura "que o vou loitar, aínda quedan adestramentos".

Comentarios