Belén Toimil, no lanzamento de peso, segue sen rivais no Estado español

A lanzadora de peso de Mugardos, Belén Toimil, revalida a primeira praza estatal. Ademais, Saleta Fernández queda subcampioa en salto e Joslyn Brea leva o bronce no Campionato de España. 
Toimil, no centro do podio (Foto: FGA).
photo_camera Toimil, no centro do podio (Foto: FGA).

Tres medallas, un terceiro posto, seis finalistas e dous récords galegos absolutos foi o balance da actuación galega no Campionato de España disputado na pista cuberta municipal madrileña de Gallur. 

As medallas viñeron da man de Belén Toimil que, malia estar lonxe das súas mellores actuacións esta tempada, fixo os 17.37 metros que lle serviron para revalidar o seu título estatal logrado en Ourense.

Pola súa parte, Saleta Fernández foi outra das medallistas. A monfortina lograba o subcampionato cun mellor salto de 1.78 metros e cedendo tan só o título por tres centímetros.

A terceira das medallas chegaría da man da campioa de España de Campo a Través, Joslyn Brea que, apostando polo atletismo (é bicampioa mundial de duathlón), comeza a colleitar excelentes resultados. A pontevedresa realizaba un rexistro de 9:12.25 e, cun bronce, xa olla cara a tempada de aire libre. 

Outro dos rexistros salientábeis viría da man de Gerson Vidal Izaguirre que lograba un dos postos de honra no concurso de combinadas ao revalidar a terceira posición (sen dereito a medalla) da clasificación xeral. 

Pola contra, a burocracia impediu que Mehdi El Nabaoui, puidera estar nun podio estatal.

O atleta estradense correría as series semifinais dos 3.000 metros cun rexistro de 8:12.90, cedendo só ante Adel Mechaal e logrando o que sería a clasificación para a final de maneira directa, malia que a súa condición de atleta ¨estranxeiro¨ impediríalle novamente estar competindo.

Sobre esta mesma distancia, o campión galego Carlos Porto, da Ximnástica, lograba o seu pase a final na que remataba no décimo segundo lugar con 8:23.35.

Outras actuacións destacadas con mellores marcas persoais foron as Sergio Coello en lonxitude (7.35 metros) e Claudia Rojo en 6o valos (8.48).

Comentarios