A lanzadora de peso mugardesa Belén Toimil non conseguiu esta quinta feira meterse na gran final, unha meta que non era nada doada tendo en conta que a marca exixida para lograr o billete directo era de 19,15 metros, 35 centímetros por riba do mellor rexistro persoal de Toimil, que é tamén plusmarquista estatal.
De feito, só tres lanzadoras conseguiron superar ese limiar —a canadense Sarah Mitton, a neozelandesa Maddison-Lee Wesche e a alemá Yemisi Ogunleye— e as nove que completaron a relación de finalistas foron desde os 18,16 da sueca Axelina Johansson até os 18,92 da neerlandesa Jessica Schilder.
Hoxe non foi o día de Belén Toimil, que estivo lonxe das súas mellores marcas. Fixo dous lanzamentos nulos, no primeiro e o terceiro intento, e no segundo quedou nos 16,83 metros.