O béisbol e o softbol galegos camiñan entre a precariedade e a vontade de futuro

A Copa Galiza de béibol volve este outubro para decidir o mellor equipo do país. Desde os clubs demandan máis promoción, axuads e infraestruturas para que este deporte medre. 
Fernando Rodríguez, segundo de pé pola dereita, coa selección galega feminina Sub-18 de softbol que participou no Campionato de España (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fernando Rodríguez, segundo de pé pola dereita, coa selección galega feminina Sub-18 de softbol que participou no Campionato de España (Foto: Nós Diario).

O béisbol e o softbol, este último unha variante do primeiro, sobrevive na Galiza malia contar con poucas infraestruturas e sen axudas para desenvolverse. Coa súa federación intervida e en mans dunha comisión xestora, a semana vindeira comezará a Copa Galiza deste deporte á espera do inicio da liga que está prevista para os primeiros meses de 2023. Nesta última competición participarán os herculinos Club da Galiza e Druídas, o Cambre, Lume de Lugo, Leóns de Oroso, Tilos de Teo e os vigueses Falcóns e Trasnos

Entre as entidades deportivas que levan máis tempo neste deporte está o Club Druídas de Béisbol e o Club de Béisbol e Softbol Cambre. O primeiro celebra esta tempada o seu 30º aniversario e o segundo mantense desde que se creou en 1990, ano en que naceu tamén a propia Liga Xunta da Galiza

Situación difícil para este deporte na Galiza

O presidente do Club Druídas Béisbol da Coruña, Ricardo Moscoso, explica a Nós Diario as circunstancias que vive este deporte no país. “Só existen dúas instalacións en toda a Galiza, a de Acea da Ma, na Coruña, e outra en Oroso, polo que todos os equipos teñen que desprazarse a estes campos”, asegura.

Como acontece con outros deportes, o contexto económico determina a situación deportiva nos clubs. Na División de Honor estatal agora mesmo só hai un equipo na categoría feminina, o Cambre, mais ningún na masculina.

“Non podemos permitírnolo, sería un custo moi grande para o club e para os propios xogadores”, sinala Moscoso, “o ano pasado viaxamos nós e Trasnos até Valencia e foi moi duro”, engade. Tampouco teñen posibilidade de promoverse nin de contar sempre coas súas instalacións, ao ter que compartilas con tres clubs máis. 

Traballar desde a canteira

Un dos equipos que viaxa até a Coruña para poder xogar os seus partidos é o Trasnos de Vigo, tres veces campión de liga nos últimos catro anos. O seu coordinador, Fernando Rodríguez, relata a Nós Diario que o club naceu en 2010 coa idea de “crear unha base a partir de traballar ben a canteira”.

Con anterioridade, estivo adestrando durante oito anos no FC Barcelona, un dos referentes a nivel estatal, e na cidade olívica fundou unha entidade na que un 95% das licenzas son de deportistas de Vigo e só dous do primeiro equipo son de fóra, todos nunha media de idade de 18 anos. Conta con xogadoras e xogadores nas seleccións galegas e na estatal. 

“O béisbol e o softbol están agora mesmo en expansión na Galiza”, asegura. No caso do segundo, está a ter moita aceptación. “Xogan nun campo máis pequeno coas mesmas regras, aínda que o lanzamento é por debaixo do brazo cunha bola case tres veces maior”, explica Rodríguez.

Foi importante a súa presenza olímpica, mentres que o béisbol tivo que agardar “aos Xogos Olímpicos do Xapón”. Na Galiza, medra tamén pola presenza da emigración, que está a chegar de países como Venezuela e República Dominicana. "Somos un deporte de integración, axudamos as persoas que chegan para que teñan un lugar onde poder adestrar e coñecer novos amigos". sentencia.

Comentarios