Baxi e Celta pelexan por un obxectivo común: o ascenso

O 'play-off' comeza no día na quinta feira, 8 de abril, en Leganés 
Geralynn Leaupepe (esquerda) posa coa súa irmá xemelga, Geraldynn. (Foto: Baxi Ferrol).
photo_camera Geralynn Leaupepe (esquerda) posa coa súa irmá xemelga, Geraldynn. (Foto: Baxi Ferrol).

A conta atrás chegou até o seu final, e tanto Baxi Ferrol como Celta Zorka Recalvi abren na quinta feira, 8 de abril, a loita por conseguir o ascenso á máxima categoría do baloncesto estatal.

O conxunto departamental, encadrado no Grupo 3 xunto con Ucam Primafrío Jairis e Advisoria Maresme, debuta ás 11 horas ante a escuadra catalá nun choque no que parte como favorito, pois na fase regular foi o único club, xunto co Fútbol Club Barcelona, que contou os seus partidos por vitorias, 26-0.

A chave foi a intensidade coa  que disputou cada minuto de xogo, algo que o converteu no equipo con máis puntos a favor de toda a liga. Esta intensidade súmase á experiencia dalgunhas xogadoras, que xa saben o que é ascender, e dunha institución que é a que máis presenzas na Liga Feminina Endesa acumula deste torneo: cinco cursos seguidos, desde a 2014/15 até a 2018/19, mais unha campaña na 2005/06.

Fronte a ela estará un Advisoria Maresme que conta cun cuarteto de expertas: Mireia Vila, Cristina Hurtado, Olga Ruano e Blanca García Riera, que veñen de fechar un bo final de tempada ao asegurarse a praza contra un rival directo como é Unilever Viladecans. O conxunto catalán sempre exhibe unha boa defensa e, sobre todo, un gran control do rebote, con  Ruano e Hurtado como principais ameazas neste aspecto do xogo.

Como nota curiosa, no segundo e derradeiro partido da primeira fase, ante o UCAM, a xogadora ferrolá Geraldynn Leaupepe protagonizará un duelo fratricida coa súa irmá xemelga, Geralynn Leaupepe.

O Celta, obrigado a unha fazaña ante o Barça

Pola súa banda, o Celta enfrontarase no Grupo 1 con Barcelona e Alcobendas, sendo a súa maior ameaza o conxunto blaugrana, co que colisionará ás 20 horas da quinta feira, 8 de abril.

As de Cristina Canteiro agardan facer bo o vello dito e lograr, na súa terceira participación consecutiva no play-off, o anhelado ascenso. Ademais, e a pesar de que actuou como un bloque moi regular durante toda a tempada, non foi até o tramo final cando exhibiu o seu mellor nivel de xogo, mais a pregunta é se será suficiente para superar un Fútbol Club Barcelona que recibe menos puntos que ninguén na categoría e que aínda non sabe o que é a derrota durante esta tempada.

Comentarios