O Básquet Coruña busca a súa quinta vitoria seguida na LEB Ouro

A escuadra herculina xoga hoxe en Palencia co líder.
O conxunto castelán, indiscutíbel líder, será un difícil rival. (Foto: Palencia Baloncesto).
photo_camera O conxunto castelán, indiscutíbel líder, será un difícil rival. (Foto: Palencia Baloncesto).

Para a Liga ACB haberá que agardar até a fin de semana, pero a categoría de prata do baloncesto estatal, a LEB Ouro, saciará desde hoxe mesmo a sede de competición da afección galega.

O primeiro en entrar en acción será o Leyma Básquet Coruña, que saltará ás 21 horas ao Polideportivo de Palencia para enfrontarse co local Zunder nun encontro correspondente á décimo sexta xornada ligueira.

Nun fantástico estado de forma, pois acumula catro vitorias consecutivas -marca tan só igualada polo HLA Alacante, o seu inmediato predecesor nunha táboa clasificatoria na que ocupa o sétimo posto-, o desafío dun líder que só perdeu un partido no que vai de campionato non pode chegar en mellor momento para unha escuadra herculina que deixou definitivamente atrás as irregulares sensacións que a acompañaron no comezo da campaña 2022/23.

Con respecto aos homes que estarán ao dispor do preparador laranxa, Diego Epifanio, este conta coa dúbida de Atou, que xa non puido participar no compromiso da semana pasada ante Cáceres Patrimonio da Humanidade. O resto de xogadores, polo contrario, adestraron con normalidade, incluído un Álex Herández que volve estar convocado por primeira vez despois da grave lesión no ligamento cruzado anterior que sufriu no seu xeonllo dereito o pasado mes de marzo de 2022.  

Epifanio, consciente da magnitude do desafío de tratar de vencer na casa un Palencia "moi mentalizado para rematar en primeira posición para así ser cabeza de serie na Copa Princesa", indicou que os seus homes "terán que adaptarse ao gran ambiente que se vive no seu pavillón", algo que cualificou como unha "motivación extra".

"Teremos que intentar igualar o seu nivel de enerxía, de contacto, o seu nivel físico, de desexo defensivo, e todo iso tratando ao mesmo tempo de facer o noso baloncesto, o que non será doado porque no referente ao rebote ofensivo sempre xeran moitos puntos, o que nos obrigará a estar moi concentrados e activos", concluíu o ex adestrador de Breogán e Estudiantes.

O COB Ourense recibe o segundo na táboa

Pola súa parte, o outro galego na LEB Ouro, Club Ourense Baloncesto (COB) xoga mañá ás 19 horas no Paco Paz contra o segundo clasificado, Morabanc Andorra.

Comentarios