A 'SEMI' RESOLVERASE NO úLTIMO PARTIDO

O Basquet Coruña xógao todo en Melilla

O conxunto de Tito Díaz non puido certificar o pase á final da fase de ascenso en Coruña. O quinto e definitivo partido dirimirase en Melilla

image
photo_camera A afección naranxa terá que esperar para ver ao seu equipo na final. Foto:BC

O Basquet Coruña sucumbiu ante o Melilla Baloncesto en Riazor (61-81) perdendo a primeira oportunidade de pasar á final da fase de ascenso. A semifinal abocouse ao quinto partido que se xogará na cidade autónoma, mañá terza feira as 21.00 horas, no pavillón Javier Imbroda.

O conxunto adestrado por Tito Díaz errou na primeira ocasión de clasificarse para a final. Os coruñeses pagaron o grande esforzo físico despregado para chegar ao cuarto partido con 3-1, que se suma ao dos 5 partidos contra o Breogán. Os coruñeses vironse superados en todos os ámbitos por un Melilla Baloncesto, que desta vez conseguiu impor a súa calidade á que lle sumou un grande traballo defensivo.

O primeiro cuarto facía presaxiar un partido disputado. Os naranxas chegaron á interrupción só dous puntos por debaixo, mais a partires de aí o Melilla foise impoñendo pouco a pouco ata colocarse 18 puntos por arriba a final do terceiro cuarto. Os últimos minutos do encontro concorreron coa certeza dos dous equipos de que se ía xogar un quinto partido. Coa vista posta nel, a intensidade baixou paulatinamente e o partido fecharíase cun resultado de 61-81 para o equipo de Alejandro Alcoba.

"O Básquet Coruña pagou o esforzo que o fixo chegar até onde está"

Ao rematar o xogo, Tito Díaz recalcou, precisamente, o esforzo pagado e o exceso de minutos que tiveron que afrontar xogadores como Ben Stelzer e Jesús Castro, os dous con notorios problemas físicos e que levaban máis dunha semana sen adestrar, ou Ángel Hernández quen, recentemente recuperado dunha lesión, forzou para xogar.

O compendio entre o desgaste dos naranxas e o bo partido do Melilla Baloncesto, quen non deixou ao Basquet Coruña imprimir un ritmo alto de partido, como ocorrera nas dúas vitorias coruñesas, levaron a fase ao último encontro. O Melilla non deixou crear xogo e desquiciou aos rivais levándoos a firmar unhas estadísticas pobres, cun 30% en tiros de campo, gañando a batalla debaixo dos aros cos 8 rebotes de Almazán e cun gran Suka-Umu en ataque con 16 puntos. O punto de lucidez coruñesa aportouno Beka Bujaranadze con 15 puntos, 8 rebotes e 2 tapóns que, con todo non foron suficientes para achegarse ao Melilla en ningún intre do partido.

Suka Umu (16) e Bujaranadze (15) foron os máis destacados do partido no plano ofensivo

A eliminatoria decidirase, pois, en Melilla. Campo alleo e complicado. Porén, o Basquet Coruña xa conseguiu imporse no pavillón Javier Imbroda nun dos dous partidos alí disputados nesta fase, polo que o Melilla non as terá todas consigo. Os coruñeses viaxan hoxe para a cidade autónoma e haberá que esperar ata mañá ás 21.00 horas para ver a resolución. Na final espera o Huesca, despois de dar a sorpresa ante o Burgos e gañar por 3-1.

Comentarios