SUPEROU AMPLAMENTE AO BREOGáN E ENFRONTARASE AO MELILLA NAS SEMIFINAIS

Básquet Coruña é o último equipo galego vivo na loita polo ascenso

Os coruñeses pasan a semifinais a costa do Breogán que dá a tempada por rematada. O COB Ourense caeu ante o Burgos por 74 a 61 e o seu ascenso queda pendente da vía administrativa.

BC
photo_camera Sergio Olmos entra a canasta ante Samb Mbaye Foto: Básquet Coruña

O Básquet Coruña continúa na pelexa por conseguir a segunda praza que dea acceso á Liga ACB ao pasar por riba do Breogán en Riazor. A eliminatoria tivo que chegar ao quinto partido, despois de catro encontros nos que se impuxera a igualdade. Unha vitoria en casa e outra a domicilio para cada conxunto facían presaxiar un enfrontamento moi disputado, mais os coruñeses pasaron por riba dos lucenses, firmando un marcador final de 99-63.

Os naranxas non deixaron oco á sorpresa e abrumaron aos rivais impoñéndose nos catro cuartos. Deste xeito o Breo dá por fechada a súa tempada en LEB Ouro, na que fechara a liga regular cunha excelente xeira de resultados, mentres que o Básquet Coruña viaxará a Melilla para medirse, en semifinais, ao que se presenta como o rival máis forte desta fase de ascenso, ao teren rematado a liga regular en segunda posición con 22 vitorias fronte as 17 que conseguiu o conxunto adestrado por Tito Díaz para rematar na quinta praza.

O COB non completa a remontada en Burgos

Os ourensáns non foron quen de virar o parcial negativo de 2-0 ante o San Pablo Burgos e caeron no pavillón de El Plantío por 74 - 61. Unha derrota incontestábel, que impediu a xesta dos da cidade áurea e que confirmou a importancia do factor campo, xa que ningún foi capaz de gañar fóra do seu feudo. O Burgos, pola súa parte, fixo valer a súa intensidade defensiva sobre o COB, que ademais, estivo moi pouco acertado nos tiros exteriores. As estadísticas falan por si mesmas. Un 10% en tiros de tres e só un 32% en tiros de campo, deixaron a vitoria na man do equipo local, moito máis acertado, e con ela, o pase ás semifinais.

O COB pagou a súa falta de acerto. Firmou unha índice do 10% en tiros de 3 e do 32% en tiros de campo

Agora, a loita do COB polo ascenso trasládase ao plano administrativo e este verán será clave para consumar o ascenso frustrado da pasada tempada.

O camiño do Básquet Coruña

O conxunto de Tito Díaz chega ás semifinais, que comezarán na sexta feira, coa moral subida após da brilante vitoria de onte, na que superaron en 36 puntos a un Breo en grande estado de forma.

O reto que se presenta é tan ilusionante como difícil, xa que na seguinte eliminatoria espera o Club Melilla Baloncesto, segundo clasificado na liga regular e que vén de solventar a súa eliminatoria contra o Cáceres cun pleno de vitorias. O factor campo estará do lado dos rivais, o cal suporá unha dificultade engadida para os coruñeses, que disputarán os dous primeiros encontros lonxe de Riazor e no caso dun hipotético quinto partido, a eliminatoria decidiríase en Melilla.

O Melilla encadea 9 vitorias consecutivas, 6 en liga e 3 en play off

O conxunto adestrado por Alejandro Alcoba rematou a tempada cunha espectacular xeira, gañando os 6 últimos encontros de liga, incluíndo unha vitoria fronte ao Palencia, campeón de liga, na última xornada. Con este grande remate de curso, o Melilla estivo a piques de acadar ao Palencia, quedando con 22 vitorias fronte ás 23 dos campións.

En canto ao plantel, os xogadores máis perigosos son; o pívot, Eduardo Hernández-Sonseca; o aleiro ex do COB, Marcos Suka-Umu e o aleiro, Asier Zengotitabengoa, quenes viñeron sendo determinantes durante toda a tempada, sendo os máis anotadores e os que acadaron unha mellor valoración.

Un forte rival, pois, o que lle espera ao Básquet Coruña na seguinte rolda, da cal sairá un firme candidato ao ascenso. Polo outro lado do cadro chegan Burgos e Huesca, o mellor desta semifinal podería ser o rival dos coruñeses de impoñerse aos melilleses.

Comentarios