Baloncesto

O Básquet Coruña procura unha fazaña inédita no século XXI no 'play-off' da LEB Ouro

Precisa levantar un 0 a 2 se non quere dicir adeus, de novo, ao soño da Liga ACB.
O capitán do Básquet A Coruña , Álex Hernández, pensa que serán quen de "darlle a volta" á eliminatoria. (Foto: BC)
photo_camera O capitán do Básquet A Coruña , Álex Hernández, pensa que serán quen de "darlle a volta" á eliminatoria. (Foto: BC)

Ano 1999. Manuel Fraga presidía a Xunta da Galiza, o Dépor pelexaba cos máis grandes do fútbol na Liga e en Europa e Os Barrios de Cádiz protagonizaba unha remontada histórica no play-off de ascenso á Liga ACB, levantando un o-2 contra Abeconsa Ferrol na primeira rolda da promoción.

Desde entón, ningún outro equipo emulou nese contexto unha fazaña que logrou hai apenas tres semanas o Real Madrid de baloncesto contra o Partizán na Euroliga e que debe conseguir o Leyma Básquet Coruña se quere dar a volta a unha eliminatoria contra Guuk Guipúscoa na que foi o perdedor dos dous primeiros partidos.

O primeiro paso da remontada será ás 20 horas de hoxe no fogar do conxunto vasco, o Angulas Aguinaga Arena de Donostia, e, de saír vitorioso dese desafío inicial, o segundo sería o próximo domingo, 4 de xuño, ás 12 horas da tarde tamén no recinto euskaldún.

Consciente da magnitude do reto que encaran, o capitán laranxa, Álex Hernández, respondeu ás preguntas dos medios de comunicación na rolda de prensa previa ao partido, recoñecendo que "loxicamente, logo de dúas derrotas o equipo está tocado".

"Tiñamos moita ilusión por comezar ben os play-off, porque durante toda a tempada demostramos que somos quen de facer grandes cousas, de ter un xogo de gran nivel, pero non foi o inicio que todos desexabamos", explicou, engadindo, non obstante, que "o conxunto é capaz de darlle a volta, temos recursos, capacidade, e sabemos que podemos chegar ao quinto partido en Riazor".

Ademais, o veterano base ex de Barcelona, Manresa ou Murcia manifestou que a machada lograda polo Real Madrid na Euroliga pode servirlles como "inspiración" para "reaccionar".

Pola súa parte, o preparador do Básquet Coruña, Diego Epifanio -que xa sabe o que é ascender á ACB desde a LEB Ouro, pois logrouno hai dous anos co Leite Río Breogán-, tampouco ocultou os problemas anímicos que existen no seo do vestiario: "Non podemos enganar a ninguén; tiñamos moita ilusión e todo se nos está atragoando un pouco, pesou a responsabilidade e pagámolo a nivel mental".

"Penso que nós, como equipo, como grupo, non merecemos acabar o ano con tantas derrotas seguidas, aínda sendo conscientes de que o San Sebastián está facendo moi ben as cousas", apostilou un Epifanio que, con todo, non desexa que ninguén "dea por mortos" aos seus homes.

No referente ás posibilidades reais que outorga á que sería a remontada máis importante no que vai de século, o preparador galego unicamente expresou o seu convencemento en "gañar o primeiro partido, e logo, xa veremos".

Comentarios