venres 25/06/21

Básquet Coruña e Breogán continúan na pelexa por unha praza na Liga ACB

Ambos os conxuntos galegos estreanse esta cuarta feira: o Básquet Coruña ás 21 horas ante o Granada e o Breo ás 20.30 horas ante Lucentum Alacante. 
O Básquet Coruña abre fogo mañá ás 21 horas na pista de Covirán Granada (Foto: Básquet Coruña).
O Básquet Coruña abre fogo na cuarta feira ás 21 horas na pista de Covirán Granada (Foto: Básquet Coruña).

O baloncesto da Galiza ten a oportunidade de protagonizar un momento histórico, logo da clasificación de Básquet Coruña e Leite Río Breogán para as semifinais do play-off de ascenso á Liga ACB. Situados en distintos lados do cadro, de superar na penúltima rolda Granada e Alicante, respectivamente, disputarían unha final 100% galega na que se xogarían a única praza en liza para ascender á máxima categoría. 

Para chegar até unhas semifinais nas que debutarán mañá ás 21 horas en Andalucía, os coruñeses fecharon a eliminatoria de cuartos cunha canastra de Pumarín a falta de só dous segundos para o final ante Liberbank Oviedo que serviu para darlles a vitoria por 69-70.

O técnico laranxa, Sergio García, congratulouse por acadar por segunda vez na historia do club a penúltima rolda -a primeira ocasión foi na tempada 2015/16-, e deixou ben clara a "ambición" da escuadra herculina. "Estou orgulloso do meu equipo, non renunciamos a nada, somos ambiciosos e, respectando o Granada, eles tamén deben respectarnos a nós", engadiu o preparador guipuscoano.

Alacante, último desafío para o Leite Río Breogán

Pola súa banda, o conxunto celeste afronta mañá ás 20.30 horas no Pazo Provincial dos Deportes ante Fundación Lucentum Baloncesto Alacante o seu primeiro compromiso de semifinais, estando previsto o segundo no Pavillón Pedro Ferrándiz o sábado 5 de xuño ás 20.30 horas. 

A este encontro chega coa satisfacción do bo traballo desenvolvido no terceiro e decisivo encontro dos cuartos de final ante Palmer Palma (80-68).

Nun choque máis complicado do que deu a entender o resultado final, os de Diego Epifanio non foron quen de facer valer a súa superioridade até os últimos intres, sendo a igualdade a característica máis definitoria dos primeiros 30 minutos de partido. 

Tanto é así que o cuarto e definitivo parcial comezou co marcador exhibindo un 56-60 favorábel aos baleares, que afortunadamente os de Lugo foron quen de reverter da man dun sensacional Kevin Larsen.

comentarios