O base Sergi García incorpórase á disciplina do Leite Río Breogán

O balear chega a Lugo procedente do Gran Canaria
O novo base do Breogán, Sergio García (Foto: GCB).
photo_camera O novo base do Breogán, Sergio García (Foto: GCB).

Sergi García Calvo (Palma de Mallorca, 1997) reforzará o Leite Río Breogán no posto de base. O novo xogador celeste conta con experiencia en múltiples equipos da Liga ACB como Zaragoza, Valencia, Manresa, Baskonia, Andorra e Gran Canaria, co engadido dun paso pola liga alemá (SC Rasta Vechta).

Formado no Club Sant Josep Obrer de Palma, García debutou na ACB con só 16 anos da man do CAI Zaragoza. Internacional con España en todas as categorías de formación, tamén participou en convocatorias FIBA co combinado absoluto.

Procedente do Gran Canaria, o novo xogador da escuadra lucense é un base zurdo, rápido, e con envergadura física, o que lle permite ser polivalente e poder defender en todas as posicións exteriores, todo iso sen obviar unha gran capacidade de dirección.

Esta é a segunda incorporación do Breo de cara á campaña 2022/23 -en realidade a terceira, tendo en conta a renovación do serbio Marko Lukovic, un dos homes de máis peso nos esquemas do técnico Veljko Mršić-, logo da do tamén base Jastus Hollatz, procedente do Hamburg Towers.

VI Memorial Raúl Jiménez Martín

Hoxe terá lugar o VI Memorial Raúl Jiménez Martín, un clinic de baloncesto que se desenvolverá na Polideportiva de Riazor 2 desde as 9.30 e até as 14 horas.

O evento contará coas intervencións de tres grandes adestradores, nomes históricos do baloncesto estatal que ofrecerán un relatorio cos seus coñecemento. Inicialmente a cifra era de catro, pero caeu do cartel o actual adestrador do Tizona Burgos de LEB Plata, o ourensán Diego Ocampo. Non obstante, si que estarán o responsábel do Obradoiro, Moncho Fernández; o do Betis, Luis Casimiro; e Jaume Ponsarnau, ex de Zaragoza ou Valencia.

Comentarios