Barcos ao mar! Comeza a tempada de traiñeiras para ferver as augas de Galiza e Cantábrico

Este sábado en Bueu arranca a Liga galega de traiñeiras e o domingo dá comezo a Liga ACT ou San Miguel, con embarcacións de Galiza, Euskal Herria e Cantabria. Todo pronto para dous meses de paixón entre o salseiro.

Traiñeira cabo de cruz-Liga ACT
photo_camera Foto: Liga ACT

Tolete, estrobo, pica, palada, remo,babor, proa, empopada, ciaboga, salseiro... palabras que van agromar nestes meses para intentar dar sentido a unha paixón que se vive sobre as ondas e que se debate, analiza, discute e sofre/goza desde peiraos e portos. Comeza a tempada de traiñeiras, esas embarcacións raras onde vogan 13 e manda 1 nun deporte tradicional que naceu xa che vos hai ben de anos ligada directamente a un oficio: mariñeiro.

O sábado arranca en Bueu a Liga Galega de Traiñeiras coa súa presentación oficial e realización de tres regatas na praia da Banda do Río, unha delas feminina e que será puntuábel. A LGT está dividida en tres categorías. A principal, LGT-A, reúne a 8 embarcacións: Amegrove, Bueu, Mugardos, Ares, Coruxo, Pobra, Perillo-Salgado e Vilaxoán. Na categoría B batiranse sete clubes: Rianxo, Cesantes, Mera, Vila de Cangas, Mecos, Chapela e a asturiana de Castropol. E, máis un ano, haberá competición feminina: tres clubs sacan traiñeiras con vogadoras, as únicas -as mulleres- que foron quen de conquistar para o mundo das traiñeiras galegas a mítica bandeira de Kontxa, a mellor patada na boca ao machismo que aniña aínda en sectores dun deporte destas características. Nesta temporada compiten as remeiras de Cabo, Mecos e Chapela.

A vitoria de Meira o ano pasado na LGT abriulle as portas ao seu salto á Liga ACT e deixa as espadas en alto nesta temporada que agora comeza para ver quen ocupa o seu podio na Liga galega. Amegrove, Mugardos -cunha pre-campaña na que gañou 3 das 5 regatas realizadas- e Vilaxoán non queren deixar pasar a oportunidade.

Expandirse, que algo fica.

E o domingo comeza a Liga ACT ou Liga San Miguel, a NBA deste universo do banco fixo. Compiten nela 12 traiñeiras: 8 vascas, 3 galegas e 1 cántabra. Arranca esta temporada en Málaga. Algo que responde unicamente a intereses promocionais de patrocinadores da competición, non ten outra explicación. Xa a anterior campaña tivo o seu pistoletazo de saída – por eses mesmos intereses- en Barcelona.

O vindeiro fin de semana, o primeiro de xullo, a ACT chega a Galiza para unha regata en Sanxenxo e outra en Moaña. Catro das 21 regatas desta temporada decorrerán en augas do noso país. Unha oportunidade de ouro para apoiar os nosos representantes na ACT: Cabo de Cruz, Tirán e Meira.

En 2014 o título foi para Hondarribia, que aspira a recuncar, mais Orio, Urbaibai e Kaiku están a meter toda a leña no forno para evitalo e tentar ser elas quen alce a bandeira de campioas. Estas son as ‘fab four’, as catro fabulosas. Os vogadores de Hondarribia meteron a bordo na Liga ACT de 2014 7 regatas, por 5 dos ‘agilutxos’ de Orio, as 4 de Kaiku e as outras 4 de Urdaibai. Impoñen, si, mais non dan medo. As embarcacións galegas non van á festa para mirar e repartir tabaco.

As da casa

Cabo de Cruz finalizou na temporada pasada cuarta na clasificación xeral, un posto excepcional para un barco recén ascendido após 5 anos de ausencia na máxima competición. O seu treinador, Gustavo Vázquez, foi recoñecido polos seus compañeiros das outras traiñeiras da ACT como o mellor adestrador de 2014. Unha garantía. Ademais, Cabo de Cruz foi galardoada ese ano, 2014, como a mellor canteira: empregou 229 veces remeiros canteiráns. Unha base inmellorábel para aspirar a todo.

A embarcación de Tirán acabou sétima o ano pasado e aspira neste 2015 -no seu décimo ano nesta categoría- a callar unha boa actuación após que neste inverno tivese que facer fronte a 12 baixas. É, non o esquezamos, unha traiñeira perante a que tirar o chapeu pois acumula unha década representando Galiza na máxima competición. É a embarcación galega con máis bandeiras na ACT (4).

Meira, que ascendeu este ano, xa competiu na ACT no 2009. Este ano non quer quedar coa etiqueta de ‘principiante’.

Comentarios