Bandeira da Coruña, deporte e turismo

A Bandeira da Coruña consolida esta competición da Asociación de Clubs de Traiñeiras (ACT) como un aliciente deportivo e turístico para a cidade. A loita polo título na máxima categoría non voltará a augas galegas até finais de agosto. Na Liga Galega de Traíñas continúa a emoción nos primeiros postos após a realización da Bandeira de Rianxo.
Enseada do Orzán, na A Coruña. (Foto: Nós Diario)..
photo_camera A simbólica Torre de Hércules vixiando a competición das traíñas na enseada do Orzán, na A Coruña. (Foto: Nós Diario)..

Máis alá dos resultados deportivos, a presenza galega na máxima categoría das traíñas, a Eusko Label Liga (ACT), reafirmouse coa disputa da Bandeira Cidade da Coruña que este ano chegou á súa sexta edición. Foi na terceira e cuarta xornada, no inicio desta competición, que non voltará ás augas galegas até a XV Bandeira de Ares (27 de agosto) e a XXXII Bandeira de Boiro (28 de agosto).

Traer no seu momento até a enseada do Orzán unha competición tan singular e consolidala no calendario implicou pór o foco no atractivo dun deporte popular na Galiza, Eukal Herria e Cantabria.  

"É un grande aliciente deportivo para A Coruña e, á súa vez, un magnífico atractivo a nivel turístico, que garante un retorno económico directo á cidade", sinalaba a alcaldesa da cidade, Inés Rei.

A Bandeira da Coruña tamén implicou un encanto para a propia ACT que visita sempre as localidades dos clubs que compiten na máxima categoría, no caso galego esta edición Ares e Boiro, sen a atracción de estar en mar aberto como neste caso. Recoñéceo o propio Borja Rodrigo, presidente da ACT, ao sinalar que A Coruña "é un referente moi respectado polos remeiros, polo seu mar e vento".

No ámbito da competición a vitoria, desta vez, sorriu a Urdaibai que conquistou a Bandeira Cidade da Coruña no ámbito masculino e as remeiras de Orio Orialki, con tres galegas nas súas filas, levaron  a vitoria da feminina. 

A liga galega segue axustada

Mais tamén a liga galega dá bos resultados. A cita en Rianxo marcou emoción pola loita que están a ter os primeiros e a inauguración da súa I Bandeira Feminina. A

proximidade no alto da clasificación entre Bueu, Samertolameu e Tirán quedou máis evidente coa vitoria dos de Moaña que ondeou esta tempada a súa primeira bandeira. Desta maneira o CM Bueu segue en primeiro lugar (57 puntos), seguido da SC Samertolameu (56 puntos) e queda en terceiro lugar a SD Tirán (52 puntos). As seguintes citas este mes serán na Pobra do Caramiñal (17 de xullo), Bueu (24 de xullo),  Chapela (30 de xullo) e O Grove (31 de xullo).

Na liga feminina, Chapela conseguiu a vitoria por diante de Cabo da Cruz, ambas as traíñas contan con ter unha tempada moi igualada. Agora hai un empate nos dous primeiros postos a 34 puntos seguidos polo Mugardos (27 puntos). As seguintes citas serán en Ferrol (16 de xullo) e A Pobra (17 de xullo).

Comentarios