luns 18/01/21

O Balonmán Porriño volve á acción contra o Liberbank

As galegas necesitan gañar para non descolgarse
O Porriño contará co apoio de 250 persoas nas bancadas. (Foto: BM Porriño).
O Porriño contará co apoio de 250 persoas nas bancadas. (Foto: BM Porriño).

O balonmán de elite volve ao Porriño, que acollerá este sábado ás 16 horas no Pavillón Municipal o primeiro partido da Liga Guerreiras Iberdrola no que vai de ano e que enfrontará as locais do Conservas Orbe Rubensa contra o Liberbank de Gijón, que será retransmitido por Teledeporte e que contará con até 250 seareiras nas bancadas.

Finalizadas as vacacións de Nadal, todo está por decidir aínda para o conxunto galego, que na actualidade se atopa instalado na zona media-baixa da táboa con tan só cinco puntos, pero a tan só dous do seu rival desta xornada, que é cuarto clasificado.

As do Porriño queren deixar atrás as malas sensacións coas que despediron 2020, pasando páxina da dolorosa derrota (23-26) ante o KH-7 Granollers no último partido do ano 

Ismael Martínez, técnico do primeiro equipo, explicou como se atopan tras estas semanas de descanso, así como a importancia dos próximos partidos: "A verdade é que tivemos bastantes sobresaltos nesta parada. A pesar de que a preparación non foi como queriamos, creo que chegamos ben, e que a xente é consciente do que significan para o grupo os meses de xaneiro e febreiro, onde nos xogamos gran parte da tempada".

No que respecta ás súas rivais, Martínez sostén que son "un equipo que xera moitas superioridades, polo que teremos que tentar dominar as desigualdades e as transicións". "Hai que ter especial coidado con Marizza Faria, porque é unha xogadora que ten moitísimo mando, así como con Cecilia, que está a asumir un rol de finalización e creación no equipo moi importante", engadiu.

Ademais, o adestrador do Balonmán Porriño recoñece que o partido do sábado é o que marcará a liña que seguirá o equipo, pois é "un rival directísimo, tanto que se somos capaces de gañar, empatámoslle a puntos".

Asemblea Xeral do Balonmán Cangas

A poucos quilómetros de alí, concretamente a menos de 40, está previsto que se desenvolva tamén na xornada de mañá sábado a Asemblea Xeral Extraordinaria de socios e socias do Balonmán Cangas.

O evento desenvolverase no salón de plenos do Concello de Cangas en dúas sesións diferentes a partir das 11.15 horas e a orde do día inclúe a elección do presidente da entidade.

comentarios