A tempada máis caótica do balonmán feminino xa é historia. Nun ano no que, excepcionalmente, a Liga Guerreiras Iberdrola, a máxima categoría a nivel estatal, contou con 16 equipos a consecuencia da forzosa interrupción pola Covid-19 en marzo de 2020, a representación galega, conformada por Atlético Guardés e Balonmán Porriño, superou este difícil escenario cun meritorio subcampionato e unha moi traballada permanencia.
Con todo, o balance, polo menos no caso do conxunto da Guarda, resulta agridoce, en primeiro lugar porque queda a impresión de que o equipo tiña potencial para sumar algún título nunha campaña na que, ademais do devandito subcampionato ligueiro, alcanzou a rolda de semifinais tanto na Copa da Raíña como na EHF European Cup. Non obstante, sería unha inxustiza non ter en conta o complicado calendario que tiveron que afrontar, con paradas de varias semanas entre partido e partido, ademais das numerosas interrupcións a causa de positivos en coronavirus propios e alleos, o que imposibilitou que colleran o ritmo competitivo que caracterizaría calquera tempada máis convencional.
E en segundo lugar, porque esta 2020/21 supuxo o adeus definitivo a aquela histórica xeración que se proclamou campioa na Liga 2016/17, pois a marcha de Rosario Urban e da capitá África Sempere -así como doutros puntais como Paulina Buforn ou Sarah Valero- deixa Marisol Carratú como último estandarte daquel Guardés campión e provoca moitas incógnitas sobre o nivel do equipo na vindeira campaña.
O Club Balonmán Porriño, pola súa banda, foi quen de conseguir o seu único obxectivo, que non era outro máis que salvar a categoría e asegurarse militar, un ano máis, nunha División de Honra na que leva de modo ininterrompido desde a tempada 2010/11.
A pesar de acabar a primeira fase encadrado no denominado "Grupo de Descenso" o club do sur do país completou unha segunda rolda de torneo espectacular, asegurándose a permanencia varias xornadas antes da final da mesma.
Volven as Escolas de Verán do Xiria
Un ano máis regresan as Escolas de Verán do Balonmán Xiria, que neste 2021 alcanzarán a súa XXVIII edición. Como vén sendo habitual, o CEIP Fogar de Carballo será a sede dun dos campamentos urbanos de referencia na comarca de Bergantiños e no que máis de 200 nenos e nenas nados entre 2010 e 2017 gozarán non só de actividades deportivas, senón tamén lúdicas e culturais "á vez que seguen evolucionando na súa educación a través de valores como a solidariedade e o compañeirismo", salientan desde a organización.
Nesta ocasión as principais novidades están relacionadas "co coidado do medio ambiente e os hábitos de vida saudábeis". Entre outras, algunhas das máis destacadas son orientación e sendeirismo, obradoiros de reciclaxe, aprendizaxe da linguaxe de signos ou o cultivo dunha horta ecolóxica.
O prazo de inscrición para estas Escolas de Verán, que se desenvolverán entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, xa está aberto e finalizará o día 21 de xuño, podendo realizarse a través do portal web oficial do campamento.