O balón parado castiga o Celta, que volve caer en Balaídos (1-2)

O conxunto vigués caeu ante o Athletic en casa nun partido que se lle puxo moi costa arriba na primeira metade e que estivo preto de igualar no treito final após o gol esperanzador de Larrivey.

celta-crop
photo_camera Celta-Athletic

Outra vez, e van demasiadas, o máis que decente fútbol do Celta traduciuse en derrota. Mereceu polo menos un empate o conxunto celeste este sábado á noite en Balaídos, pero un penalti e un saque de esquina puxeron por diante ao Athletic, que mantivo ben a vantaxe e aturou o empurrón final dos vigueses até levarse os tres puntos por 1-2. 

O veterano pero incombustíbel Aduriz adiantou aos vascos ao transformar unha pena máxima na que era a primeira chegada dos leóns. Despois, San José aproveitou un córner que peiteou o propio 9 para facer o 0-2 cando apenas se disputara media hora. Moi complicado xa para o Celta. 

Pero na segunda parte os vigueses foron cara arriba, creando ocasións como a que acabaría en tanto de Larrivey, con media hora para buscar o empate por diante. Pero o Athletic foi quen de conservar a súa vantaxe. E sumou tres importantes puntos para prexuízo do Celta nun encontro que, de novo, foi unha festa nas bancadas entre as dúas afeccións.

Comentarios