E Balaídos berrou: "Así gaña o Madrid"

Irregular xornada futbolística para os conxuntos galegos na elite futbolística, pois tanto Celta como Lugo caeron derrotados, mentres que na Primeira RFEF o Dépor superou pola mínima Raio Maxadahonda, rival directo na loita por uns play-off nos que tamén queren estar presentes Rácing de Ferrol e Celta B, quen só puideron empatar.
O colexiado González Fuertes tornou en protagonista absoluto do Celta-Real Madrid (1-2). (Foto: La Liga).
photo_camera O colexiado González Fuertes tornou en protagonista absoluto do Celta-Real Madrid (1-2). (Foto: La Liga).

Hai hoxe 43 anos, en 1979, o Real Madrid venceu grazas ás continuas axudas arbitrais un choque cun Sporting de Xixón que por aquel entón estaba pelexando polo título ligueiro. A afección presente no Molinón, indignada, berrou por primeira vez aquilo de "así, así, así gana el Madrid".

A última ocasión -agora en galego- que se repetiu o xa histórico cántico foi no Estadio de Balaídos, onde o Celta padeceu de novo a predilección que -con puntuais e honrosas excepcións- sente o colectivo arbitral para con o conxunto branco. Nesta quenda, nun partido que rematou 1-2, pitaron tres penaltis a prol dos brancos, dos cales o porteiro celeste Dituro foi quen de parar o segundo. Mais non remata aí a polémica actuación de González Fuertes, pois con 0-1 anulou un gol de Thiago Galhardo que mesmo empregando o VAR deixa dúbidas sobre se a decisión foi correcta.

Indignado, Iago Aspas manifestou despois do partido que o colexiado "semella que quería que Benzema marcase o hat-trick", declaracións que serán denunciadas polo Comité Técnico de Árbitros e que poderían derivar nunha dura sanción de catro a 12 partidos de suspensión.

Se finalmente o de Moaña é castigado, subirá aínda máis o peso no equipo dun Santi Mina  no ollo do furacán polo seu xuízo por unha presunta agresión sexual. Este saltou ao terreo de xogo no minuto 72 e foi recibido con frialdade pola súa afección.

Dura derrota do Lugo

O Club Deportivo Lugo non puido manter ante o Valladolid a súa boa xeira de actuacións ante equipos da zona alta da táboa, e caeu derrotado con contundencia (1-4) fronte a un conxunto pucelano que foi moi superior en todo momento

Medra a igualdade na Primeira RFEF

Na categoría de bronce o Dépor -e, como vén sendo habitual neste 2022, sufrindo- superou un rival directo na loita pola promoción, Raio Maxadahonda (2-1). Con este resultado, os coruñeses logran consolidarse na segunda posición, mais non puideron recortar distancias co sólido líder, Rácing de Santander, que gañou 0-1.

Pola súa parte, tanto Rácing de Ferrol como Celta B, inmediatos perseguidores da escuadra branquiazul, sumaron senllos 1-1, no caso dos diaños Verdes ante o Calahorra e no do filial celeste fronte Dux Internacional.

Comentarios