domingo 29.03.2020

O axuste dos adestramentos ao ciclo menstrual permitiría minimizar as lesións

Unha tese apunta a que as fases da regra inflúen no tipo de doenzas das futbolistas

Xogadoras durante un partido da Primeira categoría do fútbol sala feminino. (Foto: Nós Diario).
Xogadoras durante un partido da Primeira categoría do fútbol sala feminino. (Foto: Nós Diario).

Escordaduras de nocello ou distensións de cuadríceps durante a fase folicular do ciclo menstrual representan o paradigma da lesión máis habitual entre as xogadoras de elite de fútbol sala.

Así o conclúe o estudo da tese doutoral que Carlos Lago Fuentes defendeu no marco do programa de Doutoramento en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable da Universidade de Vigo.

Trátase da primeira investigación centrada no fútbol sala feminino no conxunto do Estado español, un traballo académico no que se aborda o tipo de lesións máis frecuentes entre estas deportistas e propón medidas de intervención neste eido.

Baixo a dirección do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Ezequiel Rey, Lago destaca o "carácter pioneiro" dunha tese coa que pretende "botar un pouco de luz" sobre como e cando se lesionan as futbolistas, "un aspecto clave para a a correcta planificación das cargas de adestramento".

"De feito -recoñece-, o punto de partida do traballo son as infinitas incógnitas sobre a preparación física e as lesións que a falta de estudos previos foi xerando en min mesmo durante os anos que exercín como preparador físico de equipos de Primeira e Segunda división de fútbol sala feminino". 

Neste senso, o estudo académico fai énfase na importancia de "deseñar protocolos preventivos específicos" para o fútbol sala feminino, así como en "programar as cargas de adestramento axustándoas ás fases de ciclo menstrual".

Conxunto de factores chave 

Para desenvolver a súa tese, Carlos Lago rexistrou as lesións que, ao longo dunha tempada, padeceron 89 xogadoras profesionais de seis equipos de Primeira División e dun de Segunda, tendo en conta variables como a tipoloxía e gravidade das lesións, mais tamén a fase do ciclo menstrual.

Realizada con datos recollidos durante a tempada 2017-2018, a investigación sitúa as escordaduras de nocello e as distensións de cuadríceps como as lesións máis frecuentes entre as futbolistas, representando en conxunto 45% do total. 

"Estas -explica Lago- prodúcense especialmente en accións sen contacto nos últimos minutos de adestramentos ou partidos, e durante a primeira cuarta parte da liga".

A investigación tamén permite constatar que as lesións articulares e ligamentosas preséntanse con maior frecuencia durante a fase folicular do ciclo menstrual, o que leva ao investigador a incidir na "importancia de controlar as cargas de adestramento segundo a fase do ciclo" na que se atopen as deportistas.

comentarios