Unha axenda para doce deportistas

Dende hai doce anos, o Observatorio da Mariña pola Igualdade edita unha axenda protagonizada por doce mulleres destacadas nun determinado eido. Para o 2022, a entidade escolleu o ámbito deportivo para visibilizar e pór en valor deportistas como Lara Balseiro, Fátima Ameneiro ou Beatriz Seijas.
Capa da Axenda feminista 2020 deseñada pola ilustradora Codés Lillo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Capa da Axenda feminista 2020 deseñada pola ilustradora Codés Lillo. (Foto: Nós Diario)

O Observatorio da Mariña pola Igualdade vén de presentar a Axenda Feminista 2022. Cunha determinada temática cada ano, escóllese a figura de doce mulleres destacadas nese mesmo ámbito. Nas últimas ocasións, a axenda centrouse en distintos eidos, como foron as mulleres do sector primario, ilustradoras, cociñeiras... Nesta duodécima edición, a entidade decantouse por visibilizar e pór en valor ás deportistas galegas. “O deporte é un campo no que, nos últimos anos, se avanzou en dereitos e visibilidade para as mulleres, pero no que sen dúbida aínda queda moito traballo por facer”, sinalaban dende o propio Observatorio.

A presentación da axenda tivo lugar a pasada quinta feira no IES Monte Castelo de Burela, na que estivo presente a xogadora de fútbol sala Lara Balseiro, de orixe mariñá. Ademais, a organización tamén quixo presentala na libraría de Mulleres Lila de Lilith en Santiago de Compostela na sexta feira. O caderno modificou este ano o formato de axendas anteriores, volvendo ao formato de tapa duro e cun deseño de tapas que correu a cargo da tamén mariñá e ilustradora Codés Lillo.

A axenda feminista do Observatorio pode atoparse nos seguintes puntos de venda, ademais de na xa mencionada libraría compostelá: libraría Casa das Letras (Ribadeo), libraría Bahía (Foz), libraría Espacio Lector Nobel (Burela), libraría Porta da Vila, libraría Trama (Lugo), libraría Punto e Coma (Ourense) e libraría Paz (Pontevedra).

Citadas por orde de aparición na axenda (de xaneiro a decembro), estas son as doce mulleres protagonistas. 

—Lara Balseiro
Orixinaria de Viveiro, Lara é xogadora de fútbol sala no Pescados Rubén Burela FS. Aos seus 28 anos, colleita co seu equipo un total de 4 Ligas, 5 Copas da Raíña e 3 Supercopas.

—Lara Figueiroa
Lara ten 19 anos é remeira do Club de Remo de Rianxo dende o ano 2020. Anteriormente formou parte do Club de Remo Muros, a súa vila natal.

—Cristy Tojo Velasco
Nada en Venezuela, chegou a España con 7 anos. Comezou a practicar karate como recomendación para os seus problemas de vista e dende entón foi campioa de Europa en 2019 e conta con medallas nas tres modalidades de karate.

—Chus Lago
Ademais de escritora e política, Chus é alpinista e exploradora. Foi a primeira muller española e a terceira do mundo en alcanzar o cumio do Everest.

—Iria de Luis Iglesia
Iria é árbitra de fútbol sala e forma parte do programa 'Promesas'. Actualmente arbitra na Terceira División Nacional e na Segunda División feminina. 

—Paula Medín 'Alevín'
Chegada dende Cambre, é xogadora de rugby no CRAT A Coruña, actualmente na División de Honra, a máxima categoría nacional. Dende hai 14 anos tamén é internacional coa Selección española.

—Beatriz Seijas
Como xogadora de fútbol sala, Beatriz gañou 5 Ligas, 5 Copas da Raíña e 1 Supercopa. Após retirarse no 2019, actualmente exerce como adestradora no corpo técnico do Ourense Envialia.

—Vanesa Ares Maseda
Con orixes na Mariña, Vanesa foi tres veces campioa galega de kickboxing e K1 na modalidade de Ring.

—Fátima Ameneiro
Actualmente, Fátima é copilota de rally no 'European Tour'. Foi piloto federada e ten realizado labores de comisariado de pista, cronometraxe e verificación.

—Ros Sureda
Ros é atleta nas modalidades de carreira e salto. Durante moitos anos, foi capitá do Xuncas, equipo lucense de baloncesto e atletismo.

—Nerea Insua
Natural de San Cibrao (Cervo), é patinadora na posición de blocker de Roller Derby, un deporte creado e practicado por mulleres.

—Alba Rodríguez
Alba é xogadora de fútbol gaélico. Estivo vinculada ao equipo ourensá Auriense Campus da Auga FG, onde destacou na súa posición de dianteira, e foi seleccionada para o Mundial de fútbol gaélico de Irlanda.

Comentarios