O avogado dos blues nega a "quedada" e considera o crime do Manzanares unha “razzia” antigalega

O avogado de 17 dos riazor blues detidos concedeu unha entrevista a Naiz.Eus. Ertlanz Ibarrondo nega a versión oficial -a suposta quedada- e considera os sucesos do Manzanares unha razzia anti-galega.

avogado blues
photo_camera Ertlanz Ibarrondo [FOTO NAIZ]

Non se pode sustentar a tese da "quedada" -embora esta teña sido o fío argumental da comparecencia do secretario de Estado de Seguranza esta terza feira no Congreso dos Deputados- porque o xuíz aínda non autorizou a inspección dos telefones móbeis incautados pola policía.

“É imposíbel que ninguén acredite que houbese unha quedada porque os telefones están en comisaría e o xuíz non autorizou as escoitas. Ou alguén ten realizado pesquisas de forma ilegal ou se teñen lanzado elucubracións que son incertas. A propia Delegación do Goberno está a dicer que non houbo esa quedada”, manifesta Ibarrondo na entrevista de Naiz que firma o seu correspondente en Madrid, Alberto Padilla.

"Foi unha razzia, a caza do galego ou do seareiro do Deportivo. É certo que hai imaxes obxectivas dun grupo que se defende [os blues ante o ataque do Frente Atlético]. Pero, se non, tería sido pior”."

Ibarrondo sostén que os blues foron obxecto dunha emboscada ou máis ben dunha razzia: ao desceren dos autocarros nas inmediacións do Vicente Calderón -e segundo di o avogado, que enfía un relato sobre a base dos testemuños dos seus defendidos- “uns van a un bar, outros dan un paseo”. De súpeto, engade, chega “unha turba con coitelos. Hai sete ou oito feridos de arma branca. Foi unha razzia, a caza do galego ou do seareiro do Deportivo. É certo que hai imaxes obxectivas dun grupo que se defende [os blues ante o ataque do Frente Atlético]. Pero, se non, tería sido pior”.

A vítima é deportivista, mais son os riazor blues os que teñen sido obxecto de criminalización, observa o correspondente de Naiz, quen pergunta a Ibarrondo como están a viver os seus defendidos esta situación, ao que Ibarrondo responde: “Con impotencia absoluta. Trátase dunha crucifixión mediática. Xulgáronos, condenaronos e aplicáronlles a sentenza sen a cautela de que as actuacións están baixo sumario. Ouviuse falar máis da afeizón deportivista do que do asasinato. E o único dado obxectivo que temos agora mesmo é que unha persoa foi asasinada. Existe unha indefensión absoluta”.

Que información reciben os blues sobre as pesquisas en curso para deter os autores do asasinato? De acordo con este avogado, ningunha. “Non sabemos nada. Nen a familia. A familia entéirase polos meios de comunicación. O domingo á noite, a Cadea Ser tiña o atestado policial. Segunda feira filtrouse a autopsia. E a día de hoxe a familia non a ten”.

Comentarios