Avelino Basanta, piloto de rally: "A vida deume unha prórroga e teño que aproveitala"

En agosto do 2000 a vida de Avelino Basanta (Muimenta, 1977) cambiou para sempre logo de que un accidente lle custase unha perna, así como moitas outras secuelas físicas. Porén, a desgraza non impediu que perseguise o seu soño de pór un pé no mundo do rally, paixón que compaxina coa solidariedade.
O de Muimenta dirixe a Asociación Basanta Motorsport. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O de Muimenta dirixe a Asociación Basanta Motorsport. (Foto: Nós Diario).

Como foi a súa primeira toma de contacto co mundo do rally

Foi grazas a un amigo meu que ía dar o salto a un volante aló polo ano 2005, pero non tiña copiloto, así que ofrecinme eu e el animoume a que o fixese.

Era un mundo que xa lle chamaba a atención ou xurdiu o interese a raíz desa oportunidade?

Non, a velocidade sempre me gustou. De feito xa quixera participar no Campionato da Galiza de Karts no ano 1999, pero xusto daquela prohibiran os circuítos urbanos e a cousa quedou aparcada. Sempre tiven iso na cabeza, aínda que o rally víao moi lonxe, porque é un mundo moi caro e parecíame algo inalcanzábel.

Que é e como xurdiu a Asociación Cultural e Deportiva Basanta Motor Sport?

Foi un proxecto que naceu coa idea de poder axudar aos demais con base na miña experiencia. Porque, e con respecto á xente con discapacidade, saben que é o que necesitan en relación co automóbil? Hai moitas persoas que non teñen carné de conducir, pero que non saben se serían capaces, e nós intentamos darlles un pouco de esperanza nese eido. A raíz dos nosos cursos moitas animáronse a sacar o permiso. Por exemplo, un individuo que padecese un accidente como o meu atoparíase con que non hai nada preparado para dicirlle se está capacitado para conducir ou non, simplemente mandaríanlle facer un psicotécnico e xa aí segundo o que diga Tráfico. Tamén comezamos a traballar con xente maior, porque viamos necesario que se reciclasen cada pouco tempo, porque hai moitos anos que sacaron o carné de conducir e está claro que os psicotécnicos non están cumprindo coa súa función, pois todo cambia: os sistemas de seguridade... absolutamente todo. Ademais, e a raíz de ir impartindo estes cursos, abrimos as nosas ferramentas a condutores e condutoras noveis, ás que lle ensinamos tolerancia á hora de conducir.

Outra das batallas que está vostede levando a cabo é a de loitar para conseguir espazos adaptados para que xente con diversidade funcional poida asistir como publico aos rallys nas condicións máis dignas posíbeis. Como vai esa guerra?

Esa é unha loita bastante dura, porque representa un problema de custos para unhas escuderías que xa están bastante axustadas economicamente, e máis tal e como están as cousas coas pelexas entre a Federación Galega e a Española. Houbo unha época na que cheguei a un acordo con varias escuderias, que me axudaron habilitando unha zona onde poñer unha zona segura e uns aseos, que é algo que pode parecer que non, pero que é moi importante, especialmente para unha persoa con discapacidade.  E quero aproveitar isto para lembrar Carlos Íñiguez, que faleceu a semana pasada e que era o presidente da Escudería Miño-Lugo cando levamos a cabo esa iniciativa. Estoulle moi agradecido pola súa colaboración, porque foron varios anos nos que nos permitiron desenvolvela. 

Que apoios e que obstáculos se atopou neste duro rally que leva vivindo desde que tivo o accidente e que dura xa case 20 anos?

Os obstáculos están, principalmente, no referente á adaptación, porque non hai practicamente nada adaptado. Eu, cunha zona que teña unha pequena explanada para que a xente non corra perigo, un bar, uns baños adaptados... xa me conformaba, porque non custaría tanto facelo e permitiría que moita máis xente puidese ir a este deporte. Pero aínda así persoalmente non teño queixa, porque teño moitas persoas ao meu lado que me axudaron, e ademais eu sonche bastante cabezón e sempre, por un ou outro modo, logrei o que quixen.

Onde están as súas liñas de meta de cara ao futuro?

Agora co tema da pandemia da Covid-19 parei un pouco todo o asunto, pero no futuro gustaríame volver ao rally, non como piloto, senón adquirindo un vehículo, adaptándoo e levar a cabo un proxecto que xa comecei xunto cuns amigos amantes dos rallys, a pesar de que temos o problema da falta de cartos. Estamos facendo unha porra nas carreiras do Mundial de Rally para que o gañador poida sen quen de correr unha proba do Campionato Galego, pero eu querería ir máis alá e facer unha iniciativa tipo Volante Deputación [que permite a unha profana na materia formarse e mesmo vivir desde dentro unha carreira histórica como é o San Froilán] pero para persoas con discapacidade, para que poidan probar o que é correr nun coche de rally. Tamén dar charlas en escolas, institutos, se me seguen chamando... todo o que sexa axudar, porque a min déronme unha prórroga na vida e teñp que aproveitala. 

Comentarios