venres 24/09/21

As augas volven ao seu curso e o Liceo competirá na Liga Europea

Os clubs da EHCA frean o cisma na elite do hóckey.
Carballeira, xogador do Liceo (Foto: Hóckey Global).
Carballeira, xogador do Liceo (Foto: Hóckey Global).

O ruído de sabres na elite do hóckey continental cesa... por agora. Na xornada desta cuarta feira, a Asociación Europea de Clubs de Hóckey (EHCA, nas súas siglas en inglés), anunciou que os 12 equipos que a integran, entre os que se atopa o Deportivo Liceo da Coruña, serán da partida na Liga Europea 2021/22.

Isto chega despois de que o pasado día 26 de xullo comunicasen que non realizarían dita inscrición, abrindo a porta a organizar un torneo paralelo e autónomo á Liga Europea, que até o de agora viña sendo a máxima competición a nivel continental.

A pesar da tensa situación, que ameazaba con por patas arriba o hóckey en Europa, desde a EHCA reafirmaron a súa "vontade de diálogo".

Tamén a "vocación de chegar a un acordo", alcanzado logo dunha reunión a varias bandas entre Francesco Zangarini -Director de Sport Departments de World Skate (WS); Carmelo Paniagua, director de WS-RHTC; Luis Sénica, Presidente da Federación Portuguesa de Patinaxe; e João Nuno Araujo, presidente da EHCA.

Na devandita reunión certificouse o acordo a través do cal a Liga Europea 2021/22 estruturarase nun máximo de 16 equipos, divididos en dous grupos de oito e xogando todos contra todos en partidos de ida e volta que desembocarán nunha 'Final-8' entre os catro mellores clasificados de cada grupo.

Ademais, e debido a que o número de escuadras inscritas supera as 16, programarase unha fase previa.

Desde a EHCA agardan que este "novo escenario froito do diálogo" permita que a partir de agora a Liga Europea conte "cun modelo de xestión máis profesionalizando", no que se combinen "os intereses de World Skate e dos clubs" co obxectivo de "ofrecer o mellor espectáculo do mundo".

comentarios