A Audiencia Nacional suspende a folga dos futbolistas, considerada “política” pola LFP

[ACTUALIZADA ÁS 14:33]. Un tribunal de excepción, a AN, competetente tamén en conflitos laborais de ámbito estatal, acaba de decretar a suspensión cautelar da folga convocada polo sindicato de futbolistas para esta fin de semana.

A Audiencia Nacional toma en consideración a adopción das medidas cautelares que lle demandaba a Liga de Fútbol Profesional. A patronal do futebol manexou o argumento de que a greve era “política” e non laboral, sendo que a táboa de reivindicacións formulada pola AFE (sindicato de futbolistas) se dirixían contra un decreto lei, o aprobado polo Goberno do Estado o 30 de abril, que non regularía cuestións laborais, senón a venda centralizada dos dereitos televisivos.

Os futbolistas entenden, en troca, que nesa venda non se teñen en conta os seus intereses e que, aliás, se produce unha distribución dos fondos entre os clubes de Primeira División e de Segunda División que é desfavorábel para os clubes modestos (a distribución sería de 90/10 no decreto do Goberno, enquanto que a AFE pide un 80/20).

A Federación tamén levanta a suspensión

A Audiencia Nacional -que no seu fallo non entra no fondo do asunto- condiciona a suspensión cautelar a que a LFP deposite unha caución por valor de 5 millóns de euros.

O conflito non só opuña a patronal co sindicato, senón tamén a LFP e a Federación Española de Fútebol. Esta última decretou o 6 de maio a suspensión de todas as competicións, tamén coa controversia sobre o decreto do 30 de abril como pano de fundo (a Federación acusa o Executivo de non ter sido consultada sobre o contido desta norma e quéixase de ter sido desposuída da titularidade dos dereitos audiovisuais das competicións futbolísticas).

Porén, a FEF tomou nota finalmente da determinación da Audiencia Nacional e levantou tamén ela a suspensión sobre as competicións por ela organizadas.

Comentarios