O atletismo máis popular invade o territorio galego

Durante a próxima fin de semana desenvolveranse case 20 probas por todo o país.
Vaquero, co dorsal 1, finalizou en terceiro posto na edición de 2020 tras 10 anos sen competir (Foto: Trail do Trega).
photo_camera A lendaria Julia Vaquero foi a gañadora da primeira edición dunha Carreira da Muller de Pontevedra que disputa a súa segunda edición o próximo domingo (Foto: Trail do Trega).

Un dos segredos do éxito do atletismo como disciplina é que non esixe apenas equipamentos para practicalo. Por toda o mundo, millóns de persoas calzan as súas zapatillas de deporte e saen correr por parques, montes ou estradas en solitario, acompañadas ou ben nun circuíto cada vez máis amplo de carreiras populares que desde a normalización pos pandémica espállase cada vez máis.

Tanto é así que nesta primeira fin de semana de maio haberá case 20 probas por todos os recunchos do país, de Nigrán a Xove, pasando por Mondariz, Curtis ou Cospeito. 

Abrirán fogo o sábado 6 de maio a IX Carreira Pedestre Concello de Oroso -con saída ás 17.30 horas e unha extensión de 10 quilómetros na súa categoría absoluta-; un certame xa clásico como é o Circuíto Larsa Corre Con Nós, que alcanza en Lugo a súa 21 edición logo dunha parada obrigada pola Covid-19; e outro evento incluso máis veterano como é o Tríatlon Concello de Oleiros, que celebra o seu 33 aniversario cun percorrido de 750 metros a nado, 21 quilómetros en bicicleta e 5,5 a pé.

Tamén terán lugar o sábado o V Trail Orixes Mondariz, que este ano trata de adaptarse a todos os gustos e capacidades, cunha andaina de 13 quilómetros para os e as máis cativas e tres percorridos de 14, 26, 40 e 60 para os e as atletas máis maiores; a Carreira Pedestre Batalla de Cacheiras, que conmemora os sucesos do 23 de abril de 1846, nos que o xeneral De la Concha colisionou co rebelde Solís no marco da sublevación deste último contra o Goberno conservador de Narváez; e fechará a xornada a Nocturna Nigrán S4, que terá o seu pistoletazo de saída ás 21.30 horas da noite.

Volve a Carreira da Muller  

Un día máis tarde, o domingo 7 de maio, haberá aínda máis eventos que o sábado, sendo o que ten maior potencial de convocatoria a II Carreira da Muller de Pontevedra, unha proba solidaria coa Asociación Española Contra o Cancro que esgotou todos os dorsais dispoñíbeis. 

Porén, iso non desmerece a importancia da XIII Baixada Popular de Cross San Pedro de Visma, na Coruña, a II Carreira Popular Municipio de Cospeito, a VI Carreira Pedestre de Mazaricos, o X Corresalceda, a IV Carreira e Andaina Solidaria Concello de Curtis, o OCR Cidade de Narón e o IV Xove Costa Trail.

Comentarios