xoves 01/10/20

O atletismo galego, a por todas en Madrid sen Ana Peleteiro e Adrián Ben

Esta fin de semana, concretamente os días 12 e 13 de setembro, as pistas madrileñas de Moralataz, Alcobendas, Vallehermoso e Xetafe serán a sede da disputa dos Campionatos de España Absolutos de Atletismo, nunha edición na que se conmemora o centenario da Federación.
A lanzadora de peso Belén Toimil aspira á medalla de ouro (Foto: Nós Diario).
A lanzadora de peso Belén Toimil aspira á medalla de ouro (Foto: Nós Diario).

Galiza contará con 29 representantes no certame, a cita máis importante do ano do atletismo a nivel estatal. Non obstante, as circunstancias levaron a que non vaian estar presentes varias das nosas principais opcións de medalla de ouro, representadas nos nomes de Tariku Novales no medio fondo, Adrián Ben nos 800 e nos 1.500 metros ou Ana Peleteiro no salto de lonxitude.

Non obstante, a valdeorresa Leticia Gil, actual campioa de España de salto de lonxitude en Pista Cuberta e bronce en Aire Libre, promete deixar ben alto o pavillón galego. 

Tampouco hai que esquecer  o olímpico Jean Marie Okutu, quen grazas ao seu rexistro conseguido nos galegos absolutos de 7,78 metros acode coa mellor marca do todos os participantes, o que con toda seguridade lle permitirá loitar polo seu sétimo título nos Campionatos de España de Atletismo, logo dos conseguidos en 2009, 2011, 2013, 2016, 2017 e 2018.

Do mesmo modo, Saleta Fernández López achégase a esta cita coa mellor marca no salto de altura, grazas aos seus 1,90 metros, que a converten nunha seria aspirante a conquistar o ouro nuns absolutos de atletismo por segundo ano consecutivo.

No lanzamento de peso, a mundialista Belén Toimil chega moi reforzada na procura do seu primeiro título despois de alcanzar os 16,90 metros no Campionato da Galiza e de facerse coa vitoria a pasada fin de semana na Copa de España de Clubes.

Tampouco resulta en absoluto descartábel que Carmen Sánchez Parrondo consiga o ouro no lanzamento de xavelina, e máis tendo en conta que, como Belén Toimil, acaba de saír vitoriosa da Copa de Clubes.

Nas probas da velocidade, a mellor opción galega de metal está representada por Mauro Triana López, actual recordman galego dos 100 e dos 200 metros lisos. O coruñés loitará polo podio, tal e como fixo o ano pasado en Alacante, onde conquistou a medalla de prata nos 200 metros. Ademais, competindo na mesma proba, participará Sergio Rodríguez, que chega cun interesante rexistro de 21,75 segundos en pista cuberta.

Outro dos puntos de interese será a marcha, onde a internacional Antía Chamosa tomará a saída nunha proba na que, aos seus 20 anos, parte con moitas opcións de título, na que sería a primeira medalla nuns nacionais absolutos de pista no seu palmarés. Finalmente, na categoría masculina, o campión de Europa , Juan Morales, do Marineda, aspira a brillar sobre a mesma distancia que Chamosa.

comentarios