O atletismo galego, a por todas no Campionato de España Autonómico

Galiza conta con catro representantes no torneo
Desi Vila ten a marca mínima 'B' en salto de lonxitude. (Foto: Desi Vila)
photo_camera Desi Vila clasificouse para os Xogos após rachar co récord de España. (Foto: Desi Vila)

A localidade murciana de Alhama acolle ao longo desta vindeira fin de semana unha nova edición do Campionato de España de Seleccións Autonómicas, no que Galiza se enfrontará aos combinados de Cataluña, Valencia, Castela e León, Murcia, Canarias e País Vasco.

En total serán catro as representantes do país no certame estatal, sendo a baza máis importante para facerse co triunfo a que representa a internacional Eva Queimaño (Bidasoa Atlético), campioa de España Sub-23 do ano pasado en aire libre.

A deportista do Real Club Celta conformará, xunto ao seu compañeiro no conxunto celeste e actual campión absoluto en pista cuberta, o lucense Adolfo Sáinz, a representación galega na categoría sénior.

Xunto a ambas estarán tamén formando parte da selección nacional a subcampioa de España Sub-18, Lucía Sánchez del Valle (Escola Atlética Lucense) e o gañador na categoría Sub-20 do recentemente disputado Campionato da Galiza de clubs, Aitor Fernández Gayoso, quen defende as cores do Club Atletismo Narón.

Desi Vila, aos Xogos

A atleta galega Desirée 'Desi' Vila estará nos Xogos Paralímpicos de Tóquio 2021, despois de alcanzar a distancia de 4,17 metros na modalidade de salto de lonxitude T63 no mitin de Basauri (Euskal Herria). 

Con esta distancia, Vila non só sacou boleto para competir na histórica cita xaponesa, senón que superou en 10 centímetros a marca mínima esixida polo Comité Paralímpico Español. 

Tamén esnaquizou o vixente récord de España -que estaba en 3,81 metros- e asinou, todo ao mesmo tempo, a cuarta mellor marca mundial do ano, só por detrás das xaponesas Tomomi Tozawa (4,36) e Kaede Maegawa (4,25) e da suiza Elena Kratter (4,29).

Comentarios