O atletismo galego retoma os grupos de adestramentos

A Fase 2 afonda no proceso de recuperación da normalidade por parte das atletas de todo o país.
Carlos Porto, atleta da Sociedad Gimnástica de Pontevedra
photo_camera Carlos Porto, atleta da Sociedad Gimnástica de Pontevedra (Foto: Nós Diario).

Despois de varios días de extremo confinamento, as autoridades sanitarias anunciaron hai tres semanas os horarios para poder saír adestrar ao aire libre. Atletas de todo o  país aproveitaron a ocasión e empezaron a estirar as pernas de forma paulatina para evitar lesións.

Até o de agora os adestramentos que puideron facer foron individuais. A maioría delas continúa co plan que lles envían os seus adestradores e cada atleta realízao pola súa conta, tanto nas súas casas como ao aire libre.

A partir de hoxe, 25 de maio, continúa o desconfinamento e o camiño cara a normalidade, co que se retoman os grupos de adestramento, co que se poderán renovar esas novas dinámicas,

Manuel Furacán Furtado, da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, conta como “esta  desescalada axuda a que os adestramentos dos fondistas volvan á normalidade” que vivían antes da chegada do coronavirus.

O seu compañeiro Carlos Porto, pola súa banda, leva varios días saíndo a adestrar ao aire libre, pero ao principio “custou volver ao ritmo de traballo”.

Aproveitando a area da praia

Antía e Daniel Chamosa, ambos os dous marchadores, teñen a “sorte” de adestrar xuntos. Durante a corentena aproveitaron o  mini ximnasio que teñen montado en casa coas cintas e a bicicleta. A Dani Chamosa este confinamento chegoulle despois dun tempo de parón debido a unha lesión; polo que a volta foi “aínda máis difícil”. Con todo, el mírao como un punto positivo para “valorar e gozar máis do que nos gusta” e, sobre todo, “como un tempo de repouso en metade da tempada que serve para mellorar e dedicarlle máis tempo a aspectos que durante un ano atlético non se pode”.

Pero non só os fondistas ou marchadores están a gozar da nova liberdade do desconfinamento. Anxo Blanco aproveita a area da praia e dos parques “para buscar algo parecido ao foso, xa que as pistas de atletismo seguen pechadas”. Con todo, aínda que as instalacións aseméllanse, “as condicións obrigan a que os adestramentos non sexan coma se estivésemos en condicións normais”.

No que si coinciden todos e todas as atletas da Sociedade Ximnástica de Pontevedra é en que “o mantemento e a mellora para volver máis forte para a continuación das competicións” resulta fundamental.

Comentarios