O atletismo estreou aplicación na Coruña

A Federación Galega de Atletismo sumou esta pasada fin de semana outro fito máis no emprego das novas tecnoloxías. Estreou na Coruña unha nova aplicación que permite facer un seguimentos de todos os participantes nunha carreira. Non tivo mellor oportunidade que a volta da popular C10 após o parón da pandemia.
A aplicación estreada na Coruña permitiu seguir en tempo real a situación das e dos participantes. (Foto: Federación Galega de Atletismo)
photo_camera A aplicación estreada na Coruña permitiu seguir en tempo real a situación das e dos participantes. (Foto: Federación Galega de Atletismo)

A innovación tecnolóxica está presente en todos os deportes mais é no atletismo onde vemos unha presenza máis evidente que inclúe a practica non profesional, nomeadamente nas carreiras populares. Proba disto témolo na activación este pasado domingo na Coruña dunha nova aplicación informática a través dunha iniciativa que puxo en marcha a Federación Galega de Atletismo na carreira C10 da Coruña. Tratouse dun proxecto deste organismo denominado 'trackingrunners.com' que facilitou seguir a carreira ás afeccionadas e aos afeccionados participaran nela ou non. 

Existen no mercado numerosas aplicacións mais nesta ocasión a novidade está no emprego da xeolocalización simulada das e dos corredores favoritos da persoa que entre nela. Desta maneira, puido contar coa posibilidade de situar no percorrido da propia carreira á corredora ou corredor en tempo real.

Alén diso, a información completouse con datos como a hora real de saída de cada participante, a estimación de tempos en meta ou tempo real así como unha clasificación actualizada dos mellores tempos en meta segundo fora avanzando a competición. Após a proba realizada este pasado domingo, a Federación pensa contar con poder aplicala noutras competicións semellantes. 

"Foi confeccionada en exclusiva para nós", explica a Nós Diario Claudio Hornillos, responsábel de comunicación deste organismo deportivo, "e súmase a outros que fomos implementando nos últimos sete anos", engade. Pon como exemplos a medición das probas nos concursos, substituíndo a tradicional medición da cinta.

"É o caso do lanzamento de xavelina que antes contaba cunha persoa na liña de lanzamento e outra na zona de caída, realizándose a medición coa axuda dunha cinta", relata, "agora, a través dunhas células instaladas na zona de lanzamento e outra na de caída da xavelina, transmite con moita precisión o resultado".

A innovación ao servizo do deporte

Moito mudou a experiencia de correr desde que Steve Jobs presentara hai agora 20 anos o famoso IPod. A incorporación de elementos que melloran a práctica deportiva encheu de accesorios ao propio deportista para facilitarlle a actividade e mellorarlle os resultados. Calcular as distancias ou as calorías empregadas deixou de ser algo complicado.

Coa explosión dos teléfonos intelixentes e da redes sociais xurdiron tamén as aplicacións e o seu fácil e gratuíto emprego que estendeu de maneira rápida o seu uso. Nos eventos deportivos masivos, como é o caso da carreira coruñesa, estiveron empregándose tamén chips para medición do tempo e cronometrar a chegada, permitindo obter información precisa do tempo de actividade pasando polas estacións de cronometraxe coa identificación que ten cada atleta nun dispositivo. 

O novo sistema adoptado pola Federación "representa unha importante mellora nas probas que se desenvolven en ruta e que se suman á tendencia dos últimos anos de dotar das máis modernas tecnoloxías ao atletismo federado galego", segundo explica Hornillos.

"O sistema de streaming", apunta, "representou recentemente un gran avance que se complementaría cos xa existentes sistemas de medición indirecta para os concursos, sistemas de cronometraxes por 'chips', vídeo marcadores, pantallas xigantes, control de marcha por PDA ou as plataformas de inscricións, por citar só algúns dos máis importantes", engade. A propia Federación gábase de ser "a primeira do Estado español en instalar o sistema de cronometraxes a través deses 'chips' e potenciar o emprego de videomarcadores nas súas instalacións".

A C10 máis inclusiva e participativa

A popular C10 deste ano conseguiu ser un excelente banco de probas para esta nova aplicación. Perto de 1.400 corredoras e corredores participaron na que, segundo fontes da organización, "foi a carreira máis inclusiva" ademais de ser, neste contexto actual de pandemia, "a proba máis masiva da Galiza até o momento". A atleta keniata Selah Busienei cun rexistro de 32:33 e o navarro Nassin Assaous con 29:13 proclamáronse este domingo gañadores da XV Coruña 10 nunha edición que volvía logo da paréntese do ano pasado.

A carreira contou con varias saídas limitadas en número de participantes e foi transcorreu sen incidencias desde as 9 horas da mañá en intervalos de dez minutos. Na última delas, ás 12:05 horas, saíron as e os atletas que ocuparon as primeiras posicións.

Para o vindeiro ano a cidade agarda realizar a Medio Maratón no primeiro trimestre; Coruña 10 no segundo, e no último trimestre, o Maratón Atlántico, sen esquecer o circuíto Coruña Corre.

Comentarios