O Atlético Guardés supera o Zubileta e afiánzase na zona alta da táboa

O Galychanka ucraíno será o próximo rival das galegas
A vitoria das guardesas (25-23) tivo Carratú e Valero como grandes protagonistas. (Foto: Sportcoeco).
photo_camera A vitoria das guardesas (25-23) tivo Carratú e Valero como grandes protagonistas. (Foto: Sportcoeco).

O Atlético Guardés sufriu de novo, como xa sucedeu na primeira volta, para superar o Zubileta Evolution-Bm.Zuazo (25-23, 12-12 ao descanso). Grazas a unha brillante defensa na segunda metade, sumada a intervencións en momentos chave de Carratú, e á insistencia de Sarah Valero, as de Prades conseguiron adxudicarse a vitoria ante o seu próximo rival copeiro nun partido correspondente á undécima xornada da Liga Guerreiras Iberdrola, que se viu adiantado a causa do inminente compromiso europeo das galegas. 

Quizais por iso o Atlético Guardés entrou frío ao duelo ante un Zuazo que tivo recentemente varios casos de Covid-19, polos que tivo que gardar corentena. Con todo, as biscaíñas adiantáronse con dous goles en apenas 90 segundos, logo dunha penetración de Magdalena Fernández-Agustí e dunha contra ben executada pola súa irmá Isa. Ás locais custáballes atopar espazos, pero Arcos -de penetración- e Santiago -de lanzamento exterior- conseguiron empatar (2-2). 

No seguinte parcial os erros trabaron un partido de ritmo lento. Valero foi excluída, pero o Zuazo só puido marcar a porta baleira a través de Loidi tras unha perda local, empatando Arcos pouco máis tarde. Con todo, os erros no lanzamento e as perdas eran xeneralizadas en ambas as áreas. 

Tanto Prades como Joseba Rodríguez apostaron por un 6-0 defensivo cun único cambio: Santiago substituía en ataque a Descalzo nas locais e Hernández a Puigbó nas visitantes. Logo destes trocos, o Zuazo, cun gol de Barros -que substituíu unha desacertada Erauskin- á contra, de Loidi -de lanzamento exterior- e con Hernández no pivote, mantívose por diante, aínda que pola mínima.

A pesar da presión das suas rivais, as xogadoras galegas mantivéronse fortes e conseguiron dar a volta ao partido, adiantándose por vez primeira, pero unha penetración de Bengoetxea e as exclusións de Rajnohova e Prades -por protestar- permitiron que as vascas empataran antes de chegar ao descanso (12-12) nun pavillón da Sangriña novamente sen público nas súas bancadas.

A intensidade foi chave

Na continuación, o Atlético Guardés quixo dar máis ritmo ao partido. Buforn e Lima, de grandes lanzamentos exteriores, superaban a Aallà e, ademais, foron quen de enlazar con Valero nos seis metros. A pivote fallou os seus dous primeiros lanzamentos ante a porteira vasca, pero lonxe de desanimarse veuse arriba e rematou este segundo tempo con seis goles.

O Zuazo, pola súa banda, atopaba a Magdalena Fernández-Agustí como opción máis clara, o que lle permitiu continuar enganchado a unha escuadra galega que chegou a ter unha vantaxe de tres goles no minuto 37 (17-14). A partir dese momento iniciouse un toma e daca constante que elevou o resultado até 21-19 a prol do Guardés.

A falta de 11 minutos, Prades parou o partido e optou por introducir África Sempere como acompañante de Valero, desguarnecendo a portaría, é dicir, pondo sete xogadoras de campo. Saíulle ben ao técnico pola astucia de Valero e os goles de Buforn, de penalti e de lanzamento exterior. Carratú, pola súa banda, detivo dúas penas máximas, certificando así o definitivo triunfo do conxunto da Guarda, que está xa totalmente centrado no inminente choque da EHF European Cup en Ucraína.

Comentarios