O Atlético Guardés afronta o desafío do Sant Quirze

Un triunfo significaría subir dous postos na táboa
A escuadra galega quere sumar o segundo triunfo de 2022. (Foto: Sportcoego
photo_camera A escuadra galega quere sumar o segundo triunfo de 2022. (Foto: Sportcoego)

A xornada 12 da Liga Guerreiras Iberdrola de Balonmán comezou cun encontro entre O Porriño e Morvedre, collendo a remuda un Atlético Guardés que afronta o seu segundo compromiso ligueiro logo de deixar atrás unha longa parada de case dous meses provocado pola disputa do Mundial e as vacacións de Nadal. 

Deste modo, as xogadoras do conxunto dirixido por José Ignacio Prades agardan repetir o triunfo logrado ante, precisamente, Morvedre (30-21), aproveitándose así da inercia positiva no choque deste sábado (20 horas) ante Handbol Sant Quirze.

O obxectivo que se marcou o vestiario é claro: gañar todos os puntos que quedan en xogo até o final da primeira volta. Pero antes de correr hai que andar, e coa vitoria da semana pasada xa no peto o equipo miñoto está enfocado en volver gañar na casa antes de pensar en viaxar a Málaga e no Saúde Tenerife. Pasiño a pasiño. 

O seu obstáculo máis inminente, o Sant Quirze dirixido por Dolores Martín, é unha escuadra recentemente ascendida que ocupa a penúltima posición da táboa con tan só tres puntos.

Porén, a pesar da situación clasificatoria preséntase como un rival perigoso polo seu balonmán descarado e atrevido, acorde co espírito dun cadro de xogadoras moi novo, cunha idade media por debaixo dos 25 anos e que ten, polo tanto, unha enorme marxe de mellora.

Con todo, e sen menosprezar o rival, as profesionais do cadro guardés están concentradas en si mesmas, e agardan poder aproveitar a vantaxe que supuxo comezar a adestrar unha semana antes que o resto de equipos.

Nesas sesións preparatorias, Prades, que tivo á súa disposición a todas as xogadoras coa única dúbida de Lorena Pérez e as lesionadas de longa duración Hannah Nunes e Tamires Anselmo, mostrouse moi esixente.

Un novo triunfo serviría para continuar o axexo do quinto e o cuarto posto, que actualmente ocupan Aula Valladolid e Costa do Sol Málaga, cun só punto máis conxunto miñoto e que esta fin de semana non xogarán, pois os seus encontros foron adiados, polo que as do sur da Galiza están ante unha oportunidade inmellorábel de escalar na clasificación.

Comentarios