Aspas só iría ao futebol chinés despois do mundial

Así o deixa entrever o seu irmán, o tamén futebolista Jonathan (actualmente enrolado no Pro Piacenza, na serie C italiana), en declaracións a Faro de Vigo.

celta betis iago aspas
photo_camera Aspas, nunha acción contra o Betis

Aspas está a ser unha das grandes sensacións do campionato, con 15 tantos no que vai de liga. Dada a inflación do mercado, a súa cláusula de rescisión -apenas 40 millóns de euros- é relativamente asequíbel, como contamos aquí. Non surprende por tanto que chamase a atención dunha das potencias emerxentes do planeta, a chinesa. Un dos clubes da liga do país máis populoso do mundo, o Beijing Guoan, acaba de pór os seus ollos no punta de Moaña. Porén, até o de agora estaríamos a falar apenas dunha "toma de contacto", afirma Jonathan, quen -alén de xogador profisional (debutou con 16 anos na primeira equipa do Celta nunha eliminatoria de UEFA en Lisboa face o Benfica en 1999)- oficia de representante do seu irmán.

A variábel básica desta historia é o desexo de Aspas de disputar o mundial de Rusia. Aos seus 30 anos -fai 31 en agosto- é a súa grande oportunidade de brillar no maior trinque do futebol global. A súa cotización actual é alta. Un bon mundial, por suposto, aínda a dispararía máis.

"As portas do mundial será moi difícil que [Aspas] aceite unha oferta. Mais sabendo as cantidades que se moven aí, a saber que pasa", di Jonathan. "Rumores haberá moitos até final de mes porque as equipas procuran un goleador e non creo que vaian pagar a cláusula de Messi ou de Luis Suárez", engade. Neste contexto, salienta, "o máis asequíbel do mercado é Iago, polo que seguro que o seu nome soará mesmo para outras equipas".

A dificuldade da operación deriva do feito de que o Beijing Guoan quer incorporar o futebolista xa, neste mes de febreiro, o que obviamente representaría un obstáculo obxectivo para ser seleccionado por Lopetegui para o mundial.

"Para perder o mundial tería que ser unha loucura de contrato", reflexiona Jonathan e a seguir esclarecer: "No seu día díxome que el quería ir ao mundial e que, despois, se lle oferecen un deses contratos tolos, pois o pensaría".

Comentarios