Aspas non é tan caro

Está a ser a unha das grandes sensacións do campionato. Aos seus 30 anos, promedia 0,77 goles por partido, o mellor rexisto da súa carreira. A súa cláusula de rescisión é de 40 millóns de euros. Pouco diñeiro nun mercado que após a aterraxe de Neymar en Franza vive un delirio inflacionario. O Celta é consciente de que Aspas está outravolta baixo o foco dos principais magnates do mercado futbolístico.

aspas2 2
photo_camera Aspas chuta a porta

Hai poucos futebolistas, moi poucos, que poden oferecer unha marca goleadora como a do punta de Moaña, 15 goles en 20 choques. E non son apenas os goles: Aspas fai xogar a equipa e ten unha enorme capacidade de liderado. Á súa sombra si medra a herba, como demostran os excelentes rexistos do seu compañeiro en punta, Maxi Gómez, con 10 dianas no que vai de campionato.

O grande momento de forma de Aspas (Moaña, agosto de 1987) non está a pasar desapercibido nas secretarías técnicas dos clubes máis potentes da elite. E o Celta sábeo. "Tranquilos non estamos", confesou esta terza feira Felipe Miñambres, director deportivo do clube celeste. "En calquera momento encapríchase del unha equipa e pódeo facer, sempre e cando o xogador estea de acordo. É un futebolista espectacular. O que fai cada domingo convérteo nun dos mellores dianteiros do mundo. É un dos mellores dianteiros da Liga e neste nível...".

40 millóns de euros non é neste momento unha barreira infranqueábel nun mercado que está á beira da burbulla financeira

40 millóns de euros non é neste momento unha barreira infranqueábel nun mercado que está á beira da burbulla financeira. Sen irmos ás cantidades estratosféricas pagas por Neymar (222 millóns de euros polo Paris Saint Germain), Coutinho e Dembélé (160 e 105 millóns, respectivamente, polo Barcelona), nos últimos meses asináronse futebolistas por 56 millóns de euros (Naby Keita ao Liverpool), 57 (Diego Costa ao Atlético de Madrid), 57 (Kyle Walker ao City), 58,1 (Benjamin Mendy, ao City), 60 (Óscar, ao Shanghai SIPG). Nese contexto, a cláusula que ata Aspas ao Celta non é precisamente disuasoria.

Aspas xa sabe o que é saír de Balaídos. E presumibelmente ten moito na cabeza o balanzo daquela aventura, que do ponto de vista profisional distou de ser satisfactoria. O de Moaña nen se aclimatou en Liverpool (14 partidos de liga disputados, 0 goles) nen despois en Sevilla (16 e 2). Na súa contorna tense a impresión de que Aspas para render ten que se sentir cómodo. E na equipa viguesa séntese como peixe na auga. Ora, todo depende da envergadura da oferta, que podería ser mareante se o dianteiro celeste mostra no mundial de Rusia (cos seus números en liga sería incomprensíbel que Lopetegui non o seleccionase) o nível de xogo da liga.

"Estamos a falar dunha hipótese. Se en algún momento chega, el terá de decidir e o clube que o queira, contar con que el queira irse. Agora o importante é desfrutalo cada domingo", recapitula o director técnico do Celta.

Non é Aspas o único futebolista cobizado fóra. O Celta acaba de rexeitar unha oferta do Inter de Milán polo eslovaco Lobotka e traballa para renovarlle o contrato, coa intención de subirlle a cláusula de rescisión até os 35 millóns de euros. E ao clube da rúa Príncipe teñen chegado tamén varias ofertas por Maxi Gómez.

Comentarios