A Asemblea de LaLiga decide se aproba o acordo co fondo CVC

A federación critica o acordo por acrecentar a desigualdade mentres o Real Madrid adiantou que denunciará a LaLiga e a CVC. Entre tanto, 42 clubs decidirán este 12 de agosto se lle dan luz verde ao pacto.
O presidente de LaLiga, Javier Tebas, nunha imaxe de finais de xullo. (Foto: José Oliva / Europa Press)
photo_camera O presidente de LaLiga, Javier Tebas, nunha imaxe de finais de xullo. (Foto: José Oliva / Europa Press)

A Asemblea Xeral Extraordinaria de LaLiga, a asociación deportiva de carácter privado que agrupa os clubs da Liga Santander e a Liga Smarbank, decide esta quinta feira, 12 de agosto, se aproba o acordo asinado o 4 de agosto pola comisión delegada da entidade co fondo de investimento de capital risco CVC Capital Partners.

A luz verde precisa do voto favorábel da maioría simple dos 42 club que integran LaLiga, mais desde a institución dirixida por Javier Tebas transmítese que buscan até 33 apoios, para lexitimar o acordo diante das críticas que está a recibir e dos procesos xudiciais que suporá.

O fondo, con sedes en Londres (Reino Unido) e Luxemburgo, achegaría 2.700 millóns de euros en créditos a LaLiga, a cambio do 10% dos beneficios da asociación privada durante os vindeiros 40 anos. O 90% dese importe, 2.430 millóns de euros, serán ofrecidos aos equipos profesionais en forma de empréstitos participativos sen interese -o que evita aumentar a débeda en base ás normas de xogo xusto financeiro da UEFA- e cun vencemento de catro décadas.

Para acceder os créditos do proxecto, denominado LaLiga Impulso, os clubs terán que dedicar o 70% dos recursos a investimentos en infraestrutura, desenvolvemento internacional, desenvolvemento de marca, comunicación, plans de innovación e tecnoloxía, así como de desenvolvemento de contidos en plataformas dixitais e redes sociais. Todo isto dentro dun plan de desenvolvemento acordado con LaLiga.

Do resto destes préstamos, o 15% está dirixido á inscrición de xogadores e o restante 15% para cubrir débeda financeira.

A porcentaxe dos 2.430 millóns de euros que opta a recibir cada club está en función dos ingresos das últimas tempadas en concepto de dereitos audiovisuais, polo que o Fútbol Club Barcelona e o Real Madrid serán os maiores beneficiados polo repartimento, con 253 e 241 millóns de euros respectivamente.

O Real Club Celta, único equipo galego na Liga Santander, recibirá arredor de 85 millóns de euros en créditos, mentres que aínda non se fixo público o montante asignado ao Club Deportivo Lugo, representante galego na Liga Smartbank.

Críticas ao acordo

Esta terza feira, o Real Madrid anunciou tras a reunión da xunta directiva, que denunciará tanto pola vía civil como pola penal as entidades asinantes do acordo e os seus mandatarios, Javier Tebas, de LaLiga, e Javier de Jaime, responsábel de CVC Capital Partners no Estado.

Ademais do Real Madrid, o FC Barcelona tamén rexeitou publicamente o acordo, sostendo que a valoración de negocio de LaLiga é superior aos importes pactados. A non aceptación do acordo por parte de Joan Laporta, presidente do FC Barcelona, implicou a renuncia a estender o contrato a Leo Messi por imposibilidade de cadrar as contas, o que levou o xogador arxentino a asinar este 11 de agosto o seu contrato co Paris Sant-Germaine (PSG).

A Real Federación Española de Fútbol, presidida por Luis Rubiales, tamén cuestionou o acordo entre LaLiga e CVC Capital Partners porque “acrecenta a desigualdade e imposibilita unha evolución razoábel do formato”.

Ademais, asegura que “esquece os clubs que disputan competicións non profesionais que, no momento que ascendan á competición profesional, verán que os seus ingresos están reducidos pola retribución de CVC”, todo isto, “sen que obtiveran ningún beneficio pola achega desa entidade”, apuntan.
 

Comentarios