As redes sociais tamén xogan #onosoderbi

Os xogadores do Depor e o Celta con conta en Twitter non entran a falar do derbi de hoxe. Hai unha excepción, a de Insúa e un misterioso “que vén un palizón... Jaja”
Imaxe do Video Marcador de Riazor
photo_camera Imaxe do Videomarcador de Riazor

A comunicación directa e aberta, en case todos os casos, que teñen as redes sociais chega cada vez máis aos vestiarios dos clubes de fútbol. Algúns xogadores do Depor e o Celta teñen conta con máis ou menos actividade. Desta vez non entraron en polémicas e os chíos son de agradecemento, persoais ou para rechíos do seu interese.

Entre os xogadores do Depor non houbo palabras sobre o derbi nas súas contas de Twitter coa excepción de Insúa (@AlexBG_24) que o 13 de marzo deixou un misterioso chío no que dicía “que vén un palizon... Jaja”. Nas outras contas habilitadas por Alex (@AlexBG_24), Aythami (@aythamiartiles), Abel Aguilar (@abelaguilart) e Bruno Gama (@brunogama_16) o silencio é absoluto.

No Celta varios xogadores teñen conta en Twitter. Algúns como Natxo Insa @NatxoInsa ou Sergio Álvarez (@sergioalv1) non teñen moita actividade. Quen se move moito nesta rede social é Iago Aspas (@aspas10) , aínda que sen comentar nada do derbi. As mensaxes máis positivas veñen de Andrés Túñez (@andrestu87) que aseguraba a principios do mes pasado estar “orgulloso dos meus compañeiros,creo nesta equipa e non cambiaría por nada! Agora máis ca nunca #XuntosConseguiremolo”. Da última incorporación á primeira equipa para o noso derby, Levy Madinda (@LevyMadinda), podemos recoller o chío que realizou o 20 de febreiro no que dicía que “hai cousas que non entendo no fútbol mais despois dunha fase mala chega a boa seguir traballando e pelexar para o meu futuro”.

Etiquetas

No partido as etiquetas, hashtags, que se empregarán tentarán chegar a ser tema do día. Por agora temos as oficiais dos clubes. O Celta empregará #XuntosConseguirémolo mais xa funcionan as de #aupacelta, #letsgocelta e #corazonceleste. O Depor conta con dúas oficiais, #Pódese e #NuncaChoveuQueNonEscampara. Cando comece o encontro anunciaron outro, #MosaicoRiazor.
Por Twitter atopamos outras comúns como #DerbiGalego #sisepode #aportodas e a máis empregada é a que propoñemos todos estes días: #onosoderbi.

Videomarcador preparado

Desde o Deportivo da Coruña anunciaron que teñen o videomarcador para esta noite. A imaxe que verán milleiros de persoas en Riazor e a través das imaxes televisadas. Coa bandeira galega de fondo os clubes contan con dous símbolos de ambas cidades: a estatua de María Pita e o monumento de Juan José Oliveira na popular “Praza dos Cabalos”.

Comentarios