Irene Trabazo e Saúl López reinan no circuíto galego de ciclocrós en 2020

Repiten o triunfo da Copa Galiza no Campionato Galego
Os campións e campioas das distintas categorías, posando coas súas medallas. (Foto: FGC).
photo_camera Os campións e campioas das distintas categorías, posando coas súas medallas. (Foto: FGC).

O ciclocrós galego conseguiu o que hai uns meses semellaba unha utopía debido á crise sanitaria provocada pola Covid-19, e grazas ao esforzo colectivo e á aplicación de estritos protocolos puido, en pouco máis dun mes, levar a cabo as cinco xornadas que conformaron a Copa Galiza e disputar o Campionato Galego, que puxo fin a este atípico calendario de competición.

No Clube de Campo de Ferrol, Irene Trabazo (XSM) e Saúl López (Academia-Postal Maceda) repetiron os triunfos que pouco antes conseguiran na Copa Galiza, ratificando así a súa hexemonía na categoría Elite durante este ano 2020.

O seu éxito non estivo exento de complicacións, pois o Clube BTT Esmelle, organizador deste Campionato da Galiza, decidiu adiantar o horario de varias carreiras para evitar a alerta por fortes ventos, que ía ser decretada a partir das 15 horas. Este troco permitiu que as competicións se puidesen disputar con certa normalidade. 

Como a choiva non fixo acto de presenza, a escaseza de lama provocou que os treitos de subida marcasen as diferenzas nun circuíto de perfil duro e esixente, o que pasou factura a varios dos candidatos ao podio na categoría Elite/Sub-23 masculina. Na mesma, Mauro González encargouse de lanzar a proba, e o ritmo marcado polo do Salvaterra aproveitouno Saúl López, campión nacional en 2018 e 2019, que pasou ao ataque na segunda volta e dinamitou o grupo de nove unidades que marchaba en cabeza. 

A roda do monfortino tan só foi quen de seguila Daniel López (Cambre-Renault Caeiro), que antes de alcanzar o ecuador da carreira comezou a ceder segundos respecto ao defensor do título. Así, Saúl López completou as cinco voltas en 47 minutos e 39 segundos, revalidando a súa coroa por 1.06 de diferenza sobre Daniel López. Por detrás deles estabeleceuse unha batalla entre o cuarteto perseguidor, saíndo vitorioso Luís Fernández Oliveira, que se adxudicou a medalla de bronce Elite.

Trabazo, intratábel

Na proba Elite feminina tamén se impuxo a corredora que unha semana antes se proclamara gañadora da Copa Galiza en Maceda. Irene Trabazo dominou de principio a fin en Ferrol, logrando o seu primeiro título  na categoría raíña cun tempo de 45.58. A segunda clasificada, Xiana Conde (Maceda), entrou a 3.34 da marinense, e o terceiro chanzo do caixón ocupouno María Jesús Barros (Spol).

Juniors e Cadetes 

A emoción da que careceu a competición Elite estivo concentrada na carreira Júnior feminina, na que Sofía Álvarez (Cambre) resultou ser unha ameaza para Laura Mira até os últimos metros da proba, pero a ciclista do Avanza festexou na liña de meta unha vitoria lograda por menos de tres segundos de vantaxe

Tampouco se deixou sorprender o favorito nos Júniors masculinos, Miguel Rodríguez (Ponteareas), quen venceu con solvencia por diante de Ricardo Buba (Coruxo) e Fabián Rodríguez (Betanzos), segundo e terceiro respectivamente.

Pola súa banda, as carreiras de Cadetes seguiron dous guións diferentes. A masculina resolveuse na última volta con Héctor García (Poio Bike) acabando coa condición de invicto de André Martínez, mentres que a feminina viu como María Filgueiras (Caimanes Betanzos) gañaba sen dificultades, estando escoltada no podio por Uxía Soto e Marta Estévez, ambas do Avanza.

Comentarios