Arsenio Iglesias xa dá nome á Cidade Deportiva da Torre

O 'Bruxo', homenaxeado no seu 90 aniversario
A alcaldesa da Coruña (dereita), descubrindo a placa homenaxe. (Foto: EP).
photo_camera A alcaldesa da Coruña (dereita), descubrindo a placa homenaxe. (Foto: EP).

A Cidade Deportiva da Torre, na Coruña, foi rebautizada no día de Noiteboa co nome de Arsenio Iglesias, ex xogador e adestrador do Real Clube Deportivo e unha das personaxes máis queridas e respectadas na cidade herculina.

A alcaldesa, Inés Rey, descubriu unha placa con motivo do cambio de nome, nun acto que se fixo coincidir co 90 aniversario d0 'Bruxo de Arteixo'. No evento estiveron presentes, ademais da rexedora, membros da corporación municipal, como a concelleira de Deportes, Mónica Martínez; Juan Antonio Armenteros, conselleiro do Dépor; e familiares do home que puxo nas vitrinas branquiazuis o primeiro título da súa historia, a Copa do Rey de 1995.

Durante a súa comparecencia Inés Rey fixo referencia á importancia dunha Cidade Deportiva que está "ao pé do emblema da Coruña, en forma de faro, e en pleno Patrimonio da Humanidade", e explicou que para as persoas usuarias dos campos, como homenaxe a  Arsenio Iglesias, "a humildade non debe ser un obxectivo, senón unha obrigación", vinculando esta frase coa inscrición que figura na placa, que reza: "A perseveranza é a chave para alcanzar os soños", unha das máximas do veterano adestrador galego.

"Se conseguimos que os e as deportistas, especialmente as máis mozas, pensen un segundo antes de cada partido ou adestramento no que significa Arsenio Iglesias e nos valores que transmite, non teño dúbidas de que esta Cidade Deportiva será aínda máis fecunda", destacou Inés Rey.

Pola súa banda, Juan Antonio Armenteros tamén incidiu na dedicación e humildade dun home que foi adestrador deportivista en tres etapas distintas (1970-1973; 1982-1985; e 1987 1995), así como xogador branquiazul desde a súa xuventude e até que fixo as maletas para xogar no Sevilla logo do descenso a Segunda do Dépor na tempada 1956/57. "Arsenio é unha lenda do deportivismo polas súas xestas co noso equipo, é eterno, pero tamén a súa figura simboliza os mellores valores da sociedade", subliñou o conselleiro do clube.

O cambio de nome da cidade deportiva súmase á distinción como fillo adoptivo e á concesión dunha rúa, todo aprobado nun pleno municipal de xaneiro para "agradecer a Arsenio Iglesias a súa dedicación e devoción por un equipo e unha cidade".

Comentarios